top of page

POST PARTIDO | Marlon Velasco: “Satisfeito por pasar de eliminatoria. É unha derrota doce”

Consulta as palabras do técnico do Portus Apostoli, minutos despois de certificar na tanda de penaltis o pase á final da Copa Galicia.

Sufriuse, pero pasouse de ronda. O Portus Apostoli superou na tanda de penaltis ao Pescados Rubén Burela, nun partido tras o que o seu adestrador Marlon Velasco se amosou “satisfeito por pasar de eliminatoria, que era o obxectivo. É unha derrota doce”. E é que no tempo regulamentario os seus non estiveron como noutros días: “creo que chegamos tarde ao partido, o inicio de Burela foi infinitamente superior ao noso, o 1-0 era cuestión de tempo”. Foi co paso dos minutos cando se foron “enganchando ao partido, cambiando cuartetos e situacións, imos tendo as nosas situacións e non estamos acertados”, o que penalizan os laranxas co 2-0, “noutra acción de balón parado e tamén un pouco infortunio”.


Fundamental a reanudación, como destacaba Velasco. “O inicio da segunda métenos no partido, era o que o equipo precisaba. As sensacións non eran negativas pero o resultado si que era malo”, expresaba sobre unha situación superada co golazo de Altamirano. Iso si, pronto xurdiu o “hándicap do tema das faltas”, con cinco a falta de 11 minutos. “Faláramos no descanso que tiñamos que subir o nivel de intensidade, pero non o interpretamos ben. Se queremos xogar en Primeira División non podemos estar con cinco faltas no minuto 9 da segunda parte. Por sorte, nesta ocasión non nos condicionou”, congratulábase Marlon.


Antes desa quinta falta os noieses encaixaron o 3-1 “noutra acción a balón parado, temos que ser autocríticos”. A partir de aí, Velasco veu aos seus xogando “como se se fora por detrás na eliminatoria, cando realmente estabamos en igualdade. Desde o banco queríamos transmitir calma, prudencia”, algo ao que tamén aportou que “a medida que pasaba o partido conseguíamos que Burela entrara no tema faltas, e era moi importante a partir da súa cuarta falta saber xogar, incluso houbo dúas situacións para min susceptibles da quinta falta de Burela que podían igualar máis o choque”.


Na recta final, a entrada de Joaki como porteiro-xogador “coa intención de quitarlle iso a Burela, entender que quedaba un minuto e medio e tiñamos que madurar o ataque ben para non darlle oportunidade a eles”.


Sen tempo para máis, turno duns penaltis que, Marlon ten claro, “non son lotaría”. Marcou a diferenza que “o noso porteiro estivo ben, en Burela Kaluza para o penalti que ten que parar pero non están acertados na finalización e nós, desde a confianza que seguramente nos dá ser campións e gañar tantos partidos, estivemos francamente ben”.


Para pechar, amosábase o técnico noiés “contento e orgulloso do esforzo do equipo”, valorando e tendo en conta, “o desgaste” dunha plantilla da que dos 14 convocados, por distintas molestias físicas, “Palmas e Lluc non participan, Rangel xoga 30 segundos que non podía participar, Pirata dúas rotacións de 30 segundos”, unha situación que se prolonga nas últimas semanas e “estanos restando. Este equipo está competindo por debaixo do nivel que ten por iso”.

Comments


bottom of page