A partir das 16:30 horas deste sábado 18, o cadro branco finaliza o ano cun duro encontro diante dun duro rival, moi ben situado na táboa clasificatoria, e co obxectivo de seguir competindo ata o final.
Un 2021 no que o Noia Portus Apostoli B terminou a súa temporada de debut na Terceira División achegándose á Segunda B e no que esta campaña loita por facer o “non hai dous sen tres” na categoría, toca ao seu fin este sábado, na xornada 14 do campionato, que leva aos noieses a visitar ao Grupo Forma-t Vilalba FS.
Precisamente o equipo vilalbés foi o primeiro ao que se enfrontou o filial no PlayOff de ascenso a Segunda B da 20/21. Os noieses prevaleceron pola mínima, nunha eliminatoria durísima, que non se decidiu ata o mesmo final. Nas semifinais non puido ser para os brancos, e este curso vense as caras un ano máis cos de Vilalba.
Un conxunto verde que continúa amosando claramente a súa perigosidade cos resultados que acumula ata o momento. Unha grande escadra reforzada con máis talentosos xogadores no verán, o Grupo Forma-t Vilalba FS sitúase na zona alta da clasificación, nunha segunda posición que mellora por un só punto o Lugo Sala.
Conscientes da dificultade que entraña sumar en Vilalba, pero coa motivación da vitoria obtida a pasada xornada diante do Praias de Barreiros CD, sumada á ambición de manter o nivel competitivo, os noieses irán a por todas no Municipal de Deportes vilalbés este sábado a partir das 16:30 horas.
Comments