Un cadro filialista pleno de motivación buscará seguir sumando de tres na visita do conxunto chapeleiro ao Agustín Mourís.
O partido, da xornada 23 da Terceira División, disputarase a partir das 18:00 horas do domingo 13 de marzo.

Unha volta completa gañando no Agustín Mourís, e que isto non se deteña. Este feito non podía chegar en mellor momento para un Noia Portus Apostoli B que, con tres vitorias nos últimos cinco partidos, ocupa a sexta praza da clasificación ligueira.
Noutras condicións, a recente xeira positiva dos noieses, co último episodio en Beade, debería significar a consecución do obxectivo da salvación e a posibilidade de soñar con algo máis, pero o bo nivel amosado polos equipos da zona baixa desde o comezo de 2022 está a facelo imposible.
Un deses conxuntos é o Campito Chapela FS, que despois de lograr escapar dunha espiral de malos resultados, atópase 11º con 22 puntos e moi vivo na loita pola permanencia. A bagaxe nos seus últimos encontros é idéntica ao filial branco, con tres triunfos nos seus anteriores cinco compromisos, destacando o 3-4 sobre o ED Vigo 2015, cuarto clasificado.
No cara a cara da primeira volta, ao que ambos chegaban con urxencias, o Portus Apostoli B prevaleceu nun partido tolo, con alternativas para ambos, e no que o porteiro-xogador decidiu un marcador final de 4-6.
Naquel encontro da xornada oito, os noieses conseguiron a súa segunda vitoria do curso. Coa lograda en Beade nese exercicio de esforzo e ambición, son xa unha decena. Moito traballo feito, pero aínda bastante por facer ten un Portus Apostoli B que quere manter o sorriso das últimas datas.
Comments