Buscar

PREVIA FILIAL | Noia Portus Apostoli B-Grupo Forma-t Vilalba FS | Só vale gañar para seguir soñando

O cadro branco recibe ao segundo clasificado na penúltima xornada do campionato ligueiro (domingo 1 de maio, 18:00h), inmerso na pelexa pola promoción de ascenso para a que, se quere clasificarse, non pode fallar nos dous partidos que lle quedan.

A temporada está a piques de finalizar, e con iso chegan as inevitables despedidas. Que o Portus Apostoli B poida aproximarse a dicir adeus a este curso 2021/2022 pasa, en grande parte, polo que poida facer este domingo a partir das 18:00h nunha esixentísima proba contra o Grupo Forma-t Vilalba FS.


Son conscientes da dificultade, pero as matemáticas e o tempo xa non permiten aos noieses practicamente ningún tropezo na súa empresa de repetir presenza no PlayOff de ascenso a Segunda División B por segunda ocasión consecutiva.


43 puntos ten o Sport Sala FS, quinto clasificado, e 42 ten o Noia Portus Apostoli B, sexto. A distancia é mínima, mais tamén o é a marxe de manobra restante por dous postos de promoción de ascenso nos que hai en total cinco conxuntos en contenda. Ademais, este fin de calendario reservou un par de envites ante durísimos rivais para os noieses, comezando por este no que reciben aos vilalbeses.


Alonxado dun CD Lugo Sala que se proclamou campión da Terceira División o pasado domingo, o Grupo Forma-t Vilalba FS ocupa unha cómoda segunda praza con presenza no PlayOff. Ambas as cousas ninguén llas quitará, pase o que pase, no encontro do Agustín Mourís.


O último precedente, unha dura derrota en Vilalba para os noieses, que, se queren lograr tres importantísimos puntos, deberán tomar o exemplo do logrado a campaña pasada. Daquela, os brancos lograron eliminar aos vilalbeses na eliminatoria de cuartos de final do PlayOff de ascenso. Casualidades do destino, facerse cun novo billete pasa polo mesmo rival.