PREVIA FILIAL | Noia Portus Apostoli B-SD Pazos de Borbén FS

Os noieses dan inicio á súa terceira temporada na Terceira División este sábado a partir das 19:15h no Agustín Mourís, diante dun dos chamados a ocupar a zona alta da táboa clasificatoria.

Nova era para o Noia Portus Apostoli B. O, se cabe, rexuvenecido conxunto filial do club noiés empezará este sábado a Terceira División 2022/2023 con varias caras novas e mozas, diante do SD Pazos de Borbén FS (sábado 17, 19:15h, Municipal Agustín Mourís).


Será o terceiro curso do filial na categoría, o cal afronta cun proxecto definido pola presenza de moitos xogadores de futuro, algúns deles incluso en idade xuvenil, que aproveitarán o salto a unha división superior para seguir curtíndose e formándose, un dos factores que prioriza a entidade noiesa na súa base.


Para a xornada 1 agarda un plato forte. A pesar de ser un recén ascendido, o SD Pazos de Borbén FS é moito máis que iso. Tres veces campión da competición na última década, o equipo da provincia pontevedresa regresa á Terceira despois de vencer con claridade no grupo Sur da Preferente, división á que foi relegado pola súa renuncia a competir a temporada anterior.


É por isto, entre outros aspectos, que o Pazos de Borbén está chamado a ser un dos cadros que loite polo alto da táboa, ademais de un esixente primeiro compromiso para un Noia Portus Apostoli B en busca de coñecerse e de, canto antes, comezar a sumar puntos nunha Terceira División cada temporada máis apretada.