Marín acolle a final da XXX Copa Galicia, na que os noieses chegan coa intención de pechar un curso xa para a lembranza cun novo título que ademais non teñen nas súas vitrinas.
O horario do partido, 19:30h deste martes 17 de maio no Pavillón de A Raña. Os árbitros serán Javier Menéndez Nistal e Héctor Vilas López.
A 2021/2022 do Noia Portus Apostoli FS toca ao seu fin este martes 17, día das Letras Galegas, ás 19:30 no Pavillón A Raña de Marín, co enfrontamento diante de O Parrulo Ferrol FS na final da XXX Copa Galicia, ou o que é o mesmo, a opción de aumentar a lenda da mellor temporada da historia do club noiés.
O grupo que logrou o ascenso a Primeira División quere ser tamén o que levante a primeira Copa Galicia da entidade, despois de que o do curso pasado se quedara a pouquiño de conseguir ambos premios.
Foi en xaneiro de 2021 cando en Narón o Burela superou aos noieses na súa primeira tentativa nunha final do torneo autonómico. Esta campaña chegou a segunda, consecutiva ademais, nun camiño que comezou nos cuartos de final en Ourense e seguiu nunha eliminatoria de semifinais decidida a penaltis contra o verdugo da anterior edición.
No outro lado da cancha de A Raña estará un O Parrulo Ferrol FS no seu mellor momento da temporada. Os de Óscar Vigo lograron a permanencia na Segunda División logo dun rush final extraordinario, vencendo a equipos como o Full Energía Zaragoza, o BeSoccer CD UMA Antequera e o Servigroup Peñíscola. Na súa travesía ata a final da XXX Copa Galicia os ferroláns desfixéronse en cuartos de final do 5 Coruña FS e en semifinais de maneira cómoda do Carballiño FS.
Pouca presentación precisan xa xogadores coñecidos para a afección noiesa como Hélder, Kevin Chis, Alberto ou, como non, o “mago” Adri, líder do equipo parrulo e un dos mellores xogadores españois en canto a calidade técnica individual, por non decir o mellor.
Nos duelos ligueiros esta temporada en Segunda División, dobre vitoria para o Portus Apostoli (6-0 e 2-5), pero pouco terá que ver esta cita con esas dúas. Unha final é distinta a todo o resto. Un encontro coa historia, a que queren seguir escribindo con letras de ouro os portadores da branca do Portus Apostoli.
Entradas
A entrada é única e permite o acceso tanto á final masculina como á feminina (Ourense Envialia-Poio Pescamar ás 17:00h).
-O público en xeral pode adquirir entradas a través da seguinte ligazón:
-As entradas de público son xestionadas polo club organizador, CD La Peña. Para calquera consulta o contacto é: clubdeportivolp@gmail.com
Prezos
Adulto (+12 anos): 10€
Infantil (3-12 anos): 5€
Non está permitido o acceso de persoas cunha entrada que non se corresponda á súa idade. Dita idade comprobarase no propio acceso.
O desprazamento
Despois de completar a última sesión preparatoria pola mañá, a expedición noiesa poñerá rumbo a Marín sobre as 16:40h, con horario previsto de chegada a Marín as 17:55.
Últimos precedentes (partidos oficiais)
·19 de marzo de 2022 | X28 Segunda División 2021/2022 | O Parrulo Ferrol 2-5 Noia PA FS
·13 de novembro de 2021 | X11 Segunda División 2021/2022 | Noia PA FS 6-0 O Parrulo Ferrol
·24 de novembro de 2020 | 1/16 de final Copa do Rei 2020/2021 | Noia PA FS 5-1 O Parrulo Ferrol
·10 de decembro de 2019 | 1/16 de final Copa do Rei 2019/2020 | Noia PA FS 2-3 O Parrulo Ferrol (tras prórroga)
·23 de outubro de 2018 | 1/16 de final Copa do Rei 2018/2019 | Noia PA FS 2-4 O Parrulo Ferrol
Comments