PREVIA | Pescados Rubén Burela-Noia Portus Apostoli FS | A certificar o pase á final de Copa Galicia

Con vantaxe de 5-3 do partido de ida, o conxunto noiés viaxa este martes á Mariña lucense para tentar confirmar a súa presenza na grande final do torneo galego.
Os colexiados do encontro serán Amor Vizoso e Darriba Villamor.
Altamirano pide un balón, nunha sesión de adestramento

A opción de que esta temporada xa histórica do Noia Portus Apostoli FS o sexa un pouco máis pasa por este martes. O cadro de Marlon Velasco disputa, a partir das 21:00 horas, o encontro de volta das semifinais da XXX Copa Galicia en Burela, con marcador momentáneo no global de 5-3 sobre os laranxas que o ten con vantaxe no camiño á final.


Ao igual que no compromiso de ida, chegarán os brancos despois dunha derrota ligueira. Naquela ocasión colleitada en Benavente, esta vez na casa contra o Barça “B”. Sacar novamente a mellor versión despois de tropezar será fundamental, diante dun Pescados Rubén Burela que, paradoxicamente, a pesar de consumar o seu descenso a Segunda esta pasada fin de semana, atravesa o seu mellor momento da temporada.


Plantarlle cara a Jimbee Cartagena no seu feudo cun 0-3 inicial, remontarlle ao Movistar Inter FS un 0-3 para a súa primeira vitoria ligueira do curso e sacar un empate da difícil pista de Industrias. Isto, sumado á derrota por 0-3 contra Palma Futsal, foi o que fixo o conxunto de Rafa Merino entre os dous partidos desta fase da XXX Copa Galicia.


Na ida, o pasado 13 de abril, un hat-trick de Bruno Gomes e os tantos de Marcelo e de Lucho en propia portería decantaron a balanza do lado noiés, nun partido de alto nivel e intensidade.


Lograr o pase á segunda final da historia de Copa Galicia e poñerse a un paso de entrar máis na historia deste club está a corenta minutos. O Agustín Mourís de Noia desnivelou e o Municipal Vista Alegre de Burela decidirá que equipo será un dos dous que loite o próximo día 17 en Marín polo trofeo de campión de Galicia.


O desprazamento


A expedición noiesa poñerá rumbo a Burela na tarde do martes, e despois do partido, programado para as 21:00h, voltará de novo a Noia.


Últimos precedentes (só partidos oficiais)


·6 de febreiro de 2018 | XXVII Copa Galicia – Cuartos de final | Noia PA FS 2-5 Pescados Rubén Burela

·28 de abril de 2018 | J30 Segunda División 2017/2018 | Noia PA FS 3-5 Pescados Rubén Burela

·8 de decembro de 2018 | J13 Segunda División 2018/2019 | Noia PA FS 2-9 Pescados Rubén Burela

·13 de abril de 2019 | J28 Segunda División 2018/2019 | Pescados Rubén Burela 3-3 Noia PA FS

·9 de xaneiro de 2021 | XXIX Copa Galicia – Final | Pescados Rubén Burela 5-2 Noia PA FS

·13 de abril de 2022 | XXX Copa Galicia – Ida de semifinais | Noia PA FS 5-3 Pescados Rubén Burela FS


DECLARACIÓNS PREVIAS | Pirata e Marlon Velasco