top of page

PREVIA X3 FILIAL | Noia Portus Apostoli B-5 Coruña FS

O conxunto filialista branco afronta a terceira xornada do campionato ligueiro recibindo a visita do cadro coruñés no Agustín Mourís, este domingo ás 17:15h.


Cos tres primeiros puntos no peto, logo da vitoria en Culleredo, o Noia Portus Apostoli B encara cunha maior tranquilidade este tramo inicial da temporada que seguirá co duelo deste domingo ás 17:15h ante o 5 Coruña FS, que visitará o Agustín Mourís pola terceira xornada do campionato da Terceira División.


O seguinte obxectivo despois de abrir o casilleiro de puntos será o de comezar a facer do feudo noiés un fortín practicamente inexpugnable. Preto estivo de producirse na primeira xornada, mais evitouno unha irregular primeira metade e un superior SD Pazos de Borbén FS. Dúas semanas despois, os de Palmas non queren agardar máis para sumar de tres diante da súa afección.


Tampouco quererá demorar o 5 Coruña FS, rival dos noieses, en engadir os seus primeiros puntos. Os herculanos, que polo seu xoven plantel é un dos equipos da categoría máis semellantes ao Portus Apostoli B, non coñecen outro resultado que non sexa a derrota ata o momento, cun 5-4 en Carballiño e un 2-4 contra o Cidade de Narón.


Un partido con ritmo, intensidade e moita competitividade, como o que protagonizaron ambos equipos o curso pasado no mes de abril en Noia con resultado de 3-3, é o que se agarda este domingo 2 a partir das 17:15h.

Comments


bottom of page