Noieses e naroneses enfróntanse, en partido da 19ª xornada da Terceira División, este sábado 4 de febreiro a partir das 18:00h no Municipal Agustín Mourís.
Duelo directísimo da media táboa de Terceira División para a tarde do sábado 4 no Municipal Agustín Mourís. O Noia Portus Apostoli B, 8º con 23 puntos, recibe ao Cidade de Narón, 10º coa mesma cantidade no seu casilleiro.
Unha nova oportunidade para os brancos de tentar reengancharse a unha zona media-alta que cada vez se albisca máis lonxe. Pendentes de coñecer aínda a resolución do partido suspendido en Pazos de Borbén, a quinta praza está a uns amplos doce puntos, distancia que medrou logo dunha cruel derrota en A Coruña a semana pasada, na que os noieses amosaron un gran xogo pero sen puntería.
Xa son varios os puntos que se lle escapan de forma inverosímil ao Portus Apostoli B, que se quererá reivindicar diante dos seus e repetir o resultado dunha primeira volta na que venceron en Narón por 1-4. Os amarelos, pola súa parte, comezaron esta segunda metade do curso con dous triunfos e unha derrota, e chegarán a Noia despois de gañar por 7-2 ao cuarto clasificado, o Carballiño FS, e con ambicións de mirar cara arriba na clasificación.
As 18:00h do sábado 4 é a hora elixida para que noieses e naroneses se enfronten co claro obxectivo de sumar tres puntos que lles fagan situarse na táboa nunha zona de ninguén pero que, polo menos, teña máis de cerca aos de arriba que aos de abaixo.
Comments