top of page

Recepción oficial ao Noia Portus Apostoli FS na Casa do Concello da vila

Na tarde do xoves os campións de Segunda División recibiron a homenaxe municipal da corporación noiesa, así como de todo cidadán do pobo que se achegou para unha nova conmemoración do histórico ascenso.
A foto de familia do club nunha recepción histórica no Concello

Xa co trofeo no seu poder, o Noia Portus Apostoli FS comezou este xoves cos actos oficiais de celebración do campionato de Segunda e ascenso a Primeira División coa recepción oficial realizada pola corporación municipal do Concello de Noia.


Dous dos nenos membros da escola deportiva, que acompañou ao primeiro equipo na recepción, foron os encargados de levar a copa de campións ao salón de plenos, onde interviron, por parte do club, o adestrador Marlon Velasco, o director xeral Javier Barreiro e o presidente Severino Barreiro, mentres que en representación do Concello fixeron o propio a concelleira de deportes Laura Salgado e o alcalde Santiago Freire.



Todos os protagonistas amosaron as súas palabras de afecto e admiración ao traballo realizado por todos os que forman o club e que fixeron posible esta proeza, incluidos patrocinadores, colaboradores e socios. A continuación, foi o momento de subir ao balcón da casa consistorial e alzar aos ceos de Noia o trofeo en mans do capitán Palmas, do presidente e do adestrador, así como do resto de xogadores do equipo, ante a presenza de numerosos afeccionados.


Ao baixar, foto de familia con directiva, escola deportiva e corpo técnico e xogadores do primeiro equipo na porta do consistorio, en representación da unión de proxecto de club e corporación municipal. Para rematar o acto, todos os membros do primeiro plantel noiés, os responsables deste fito para a memoria da vila e da entidade, asinaron no libro de honra do Concello.


VÍDEO RESUMO da recepción oficial

Comments


bottom of page