top of page

Restaurante Galicia Agolada-Noia Portus Apostoli B: un deber a cumprir xa

Soamente lle vale a vitoria ao cadro filialista en Agolada (domingo 8, 19:00 horas), co fin de encadear dúas vitorias consecutivas por primeira vez despois das xornadas iniciais e acabar coa mala racha lonxe de Noia.


Gañar, gañar e gañar. Esa é a convicción coa que o Noia Portus Apostoli B poñerá rumbo este domingo a Agolada, para afrontar a 13ª xornada da Preferente Autonómica – Grupo Norte.


A vitoria da semana pasada ante o Castroverde FS foi un bálsamo para un cadro que asumía con dor unha derrota “por tres erros puntuais” a xornada anterior en Sarria, en palabras de Bruno.


O xogador expresa que non preocupa a mala racha fóra de casa, pero que “xa hai ganas de gañar” como visitante, algo que “oxalá poida ser esta fin de semana”. O rival é un Restaurante Galicia Agolada que ocupa a zona baixa da táboa clasificatoria, posicionado 14º, un posto por riba do descenso, con 7 puntos.


Ante eles buscarán os noieses tres puntos moi necesarios para comezar a cumprir “obxectivos a curto prazo”, xa que, segundo Bruno, “obxectivos a longo prazo creo que non nos axudan”, poñendo a vista atrás na última temporada, “parecía que fixeramos unha temporada mala, cando cumprimos o obxectivo, que era salvarse, sen apuros”, afirma.


Un triunfo que se fai dobremente importante, despois de que o equipo filial vira retirados tres puntos do seu casilleiro por unha sanción da Federación, provocando a súa caída á oitava praza con 18 puntos. Máis razóns para darlle a volta ao gafe como visitante e remontar o voo.

Comments


bottom of page