top of page

Valdesuso Peugeot Vilalba FS-Noia Portus Apostoli B: o soño do filial ponse en marcha

-O cadro dirixido por Daniel Ventoso comeza este sábado a partir das 19:30 os PlayOff de ascenso a Segunda División B, co encontro de ida de cuartos de final en Vilalba.


-Será a primeira experiencia nestas cotas para un grupo ilusionado, ambicioso e sen presión ante este reto.

Xa está aquí o premio á grande temporada do Noia Portus Apostoli B. O segundo posto no Grupo B da primeira fase non só confirmou o obxectivo da salvación, senón tamén a oportunidade de facer historia e loitar por competir o próximo curso na Segunda División B. Nesa misión, a primeira parada é Vilalba.


Terceiro clasificado do Grupo A con 28 puntos e tan só dúas derrotas en 14 partidos, o Valdesuso Peugeot Vilalba FS conta cun xa largo periplo na categoría, na que o ano pasado terminou quinto. Ademais, nas súas filas posúe xogadores con experiencia en divisións superiores, como é o caso de Isma, ex capitán do Santiago Futsal.


O deste sábado será o primeiro dos dous encontros da eliminatoria de cuartos de final, na que o cadro que obteña un resultado global favorable (os goles fóra da casa valen dobre) avanzará ás semifinais.


Toca volver a soñar en Noia, esta vez co Portus Apostoli B. Sen a presión de ter que cumprir un obxectivo xa realizado con creces, pero coas ganas de continuar competindo sen límites e ata o final.


Entrevista a Daniel Ventoso, adestrador do Noia Portus Apostoli B, en pabloprietofutsal.com


O técnico do bloque filialista ve aos seus “con ganas de sumar unha experiencia nova” e, coa permanencia asegurada, “sen ningún tipo de presión máis da que nos poñamos nós mesmos para facer as cousas ben”. O traballo nas últimas semanas está sendo bo “a pesar de que moitos están en plena época de exames. Todos están esforzándose para non perder o ritmo de adestramentos e poder chegar o mellor posible a esta cita tan importante”.


Sobre o rival, Ventoso identifica ao Valdesuso Peugeot Vilalba FS como “un equipo con moita experiencia na categoría, con xogadores contrastados na mesma e en categorías superiores”, e cree que a clave da eliminatoria estará “nos goles fóra da casa” e en “manternos centrados durante os oitenta minutos”.

ความคิดเห็น


bottom of page