XII CAMPUS DE VERÁN

Durante cinco días, os rapaces inscritos gozaron e aprenderon de fútbol sala, ademais doutras actividades, xunto a varios invitados.

 

A semana pasada quedará como inolvidable para os 65 rapaces anotados ao XII Campus de Verán do Noia Portus Apostoli, que tiveron a oportunidade de gozar entre o luns e o venres, nun horario de 10:00 a 10:30, no Municipal Agustín Mourís e no Pavillón Alonso Rodríguez da vila noiesa, da práctica do fútbol sala xunto aos seus monitores e a algúns invitados.

 

​Estes foron os xogadores noieses Porto e Palmas; o xogador do Santiago Futsal, Isma; Gael López, seleccionador galego alevín; Carlos Martínez, árbitro galego de Primeira División da LNFS; e Martín López, membro do corpo técnico do Palma Futsal. Ademais do fútbol sala, ao longo da semana tamén tiveron tempo para experimentar outras actividades como o zumba ou o bádminton.

 

Para pechar esta semana, o venres leváronse a cabo sorteos de produtos de vestiario do Noia Portus Apostoli e doutros aportados polos invitados ao longo do Campus, e como punto e final procedeuse a entregar o diploma conmemorativo de participación a cada un dos rapaces que fixo posible esta XII edición da cita máis especial do verán do club noiés.

 

Desde o club, moitas grazas a todos os que fixeron posible esta edición, dende os rapaces ata os pais e nais, pasando por monitores e outros membros do club. Para o ano máis!