top of page

Como na casa en ningures (5-1)

O Noia Portus Apostoli B fixo do Agustín Mourís o mellor remedio para retornar á senda da vitoria dúas xornadas despois, completando un gran encontro en ataque e serio en defensa ante un rival directo da táboa como o FS Pontedeume.



Tres semanas pasaran xa do último triunfo do filial noiés cando os de “Juve” recibían no Agustín Mourís ao FS Pontedeume, despois de dúas xornadas consecutivas actuando como visitantes en Begonte e A Coruña, que se saldaron con outras tantas derrotas.


Por iso, os tres puntos presentábanse como un ben necesario dentro do vestiario branco, convencidos na importancia de recuperar as boas sensacións que deixaran as tres primeiras datas do calendario.


Un propósito que quedou totalmente demostrado dende os intres iniciais do encontro. Os noieses amosábanse claramente superiores ao FS Pontedeume sobre a pista, gozando de numerosas oportunidades de gol. Así, só tardaron cinco minutos en chegar os dous primeiros tantos que subiron ao marcador local.


O dominio local mantívose no resto do primeiro acto, só alterado nalgúns momentos por certos contragolpes, envíos directos ao pívot ou accións de estratexia do FS Pontedeume. Non conseguirían reducir distancias os visitantes, que ademais verían como nunha acción desafortunada para o seu porteiro chegaba o 3-0, co que ambos conxuntos se irían a vestiarios.


Descanso, Noia Portus Apostoli B 3-0 FS Pontedeume


Con aínda todo por decidir, visto o historial de partidos tan goleadores dos noieses, comezaba un segundo acto no que o guión seguiría sorrindo aos noieses. Numerosas oportunidades de gol poboaron a portería do FS Pontedeume, pero sen chegar a bo porto.


Aproximándose o ecuador dos vinte minutos, os visitantes propuxeron unha defensa a toda pista que incomodou a saída dos de “Juve”. Porén, sería neste tramo do partido cando os noieses poñerían sentencia ao partido, con un gol no 28’ e outro no 30’.


Malia os cinco goles de diferencia no marcador, a tensión seguiría presente no parqué do Agustín Mourís, cos noieses buscando non poñer en perigo a súa renta nos últimos dez minutos e co FS Pontedeume tentando buscar o gol da honra. Terían premio os visitantes, que a apenas oito segundos para o final aproveitarían un despiste defensivo para colocar o 5-1 definitivo.


Final do partido, Noia Portus Apostoli B 5-1 FS Pontedeume


Cuarta vitoria en seis partidos para os noieses, a terceira en tres partidos como local. Está claro que como na casa en ningures… mais para que os puntos na casa sirvan para algo importante, cómpre sumar fóra. Co quinto posto e doce puntos no peto o Noia Portus Apostoli B visitará de novo A Coruña na sétima xornada do campionato da Preferente Autonómica – Grupo Norte, para batirse co Academia RedBlue 5 Coruña.

bottom of page