top of page

CRÓNICA | Estamos na FINAL de Copa Galicia! (3-1, global 6-6; penaltis: 1-3)

Soubo sufrir o Noia Portus Apostoli FS as embestidas dun decidido Pescados Rubén Burela, que forzou a igualada na eliminatoria pero terminou sucumbindo ante o acerto dos noieses na tanda de penaltis.
O vindeiro 17 de maio, día das Letras Galegas, a gran final en Marín diante de O Parrulo Ferrol FS, que superou ao Carballiño FS na súa semifinal.
A celebración do equipo noiés logo do gol definitivo de Joaki (foto: Manuel Lorenzo)

O Noia Portus Apostoli FS repetirá presenza na gran final da Copa Galicia por segundo ano consecutivo. Os de Marlon Velasco desfixéronse do seu verdugo do curso pasado, un Pescados Rubén Burela que logrou empatar o 5-3 da ida co 3-1 co que rematou o tempo regulamentario, pero non puido ante o bo facer dos noieses na tanda de penaltis que decidiu o gañador.


Custoulle masticar este partido aos noieses xa desde o comezo, no que o Burela se amosou con ímpetu e as ideas máis claras. Salvou Henrique unha ocasión clara de David Pazos, antes de que Diego Quintela, no minuto 4, anotara o 1-0 embocando un balón solto na área en acción de balón parado.


Pouco a pouco os brancos estiráronse máis sobre o marco de Kaluza, que tivo que facer algunha intervención de mérito, pero os problemas estaban nunha defensa na que os laranxas seguían a facer dano, máis concretamente na pelota parada.


Así encaixaron os de Marlon Velasco o 2-0 que igualaba a eliminatoria no minuto 14. Henrique non puido sacar un punteirazo de Wanderson no borde da área que parecía salvado en primeira instancia, que poñía todo máis que aberto para os minutos restantes de encontro.


Sentoulle ben o descanso ao Portus Apostoli, que nada máis saír de vestiarios poñía un pouco de calma á situación convertendo o 2-1. O remate á escadra de Altamirano estivo á altura do xogadón trenzado por todo o equipo noiés para reducir diferenzas no partido e volver a adiantarse na eliminatoria. Porén, o Burela respondeu con outro golazo tres minutos despois. Isma asinou un disparo preciso á escadra dereita da portería dun Henrique que nada puido facer para evitar o 3-1, que significaba o 6-6 no global da eliminatoria.


Aos problemas que lle provocaba o Burela, uniuse as cinco faltas coas que se plantou o conxunto branco chegado o ecuador do segundo tempo. Soubo encontrar o control para non incurrir na sexta, e incluso achegarse ao segundo gol co tiro ao pau de Edu Jabá e a maior profundidade que lle aportou o xogo con Henrique incorporado ao ataque e as catro faltas burelesas, coas que os de Rafa Merino baixaron algo a tensión.


David Pazos e Altamirano gozaron para os seus equipos dunha oportunidade clara que desperdiciaron, sendo a previa ao minuto e medio final no que Marlon Velasco introduciu o xogo de cinco con Joaki de porteiro-xogador. Nil, cun disparo exterior, tivo a mellor ocasión, antes de que o bocinazo final levara a eliminatoria á tanda de penaltis.


Os seis metros dictarían sentenza. Terreo para a calma, a valentía, demostrar o traballo que hai por detrás e, tamén, ter unha dose de fortuna. En todo iso o Portus Apostoli foi superior. Dos catro lanzamentos que dispuxo o cadro noiés só errou un, en contraposición cos tres fallos dun Burela que sucumbiu diante dun Henrique que se fixo grande baixo paus. Joaki fixo o 1-3 definitivo da tanda de penaltis, certificando o pase á final da XXX Copa Galicia para o seu equipo, que sigue dando pasos históricos esta temporada.


Seguinte partido


Os noieses terminan a Liga este sábado visitando ao Visit Calvià Hidrobal a partir das 19:00 horas.


Ficha técnica


Pescados Rubén Burela FS: Kaluza, Iago Míguez, Isma, Diego Quintela e David Pazos. Tamén xogaron Renato, Álex Diz, Lucho, Wanderson e Nito.


Noia Portus Apostoli FS: Henrique, Marcelo, Altamirano, Edu Jabá e Joaki. Tamén xogaron Power, Javi Rangel, Bruno Gomes, Pirata, Chus e Nil.


Goles: 1-0 Diego Quintela (4’), 2-0 Wanderson (14’), 2-1 Altamirano (21’), 3-1 Isma (24’).


Tanda de penaltis: Tira David Pazos, fóra (0-0); tira Chus, para Kaluza (0-0); tira Diego Quintela, gol (1-0); tira Bruno Gomes, gol (1-1); tira Iago Míguez, para Henrique (1-1); tira Nil, gol (1-2); tira Renato, fóra (1-2); tira Joaki, gol (1-3).


Os colexiados Amor Vizoso e Darriba Villamor amonestaron con cartón amarelo aos locais David Pazos (11’) e Diego Quintela (21’) e ao visitante Marcelo (29’).


Incidencias: partido correspondente á volta das semifinais da XXX Copa Galicia, disputado no Municipal Vista Alegre de Burela.

Comments


bottom of page