Buscar

CRÓNICA FILIAL | Demasiado castigo para un máis que digno Portus Apostoli B (2-6)

O cadro branco chegou a sorprender ao líder cun 2-0 inicial, e a pesar de completar unha actuación de moitísimos méritos, non puido sumar contra o líder e próximo campión CD Lugo Sala.
Pablo e Pau celebran un dos goles do segundo (foto: Pichero)

O Agustín Mourís estivo preto de ser a primeira pista que derrotara ao CD Lugo Sala esta temporada en Liga. Tivo que dar o mellor de si o líder invicto da Terceira División para acabar cun Noia Portus Apostoli B rebelde e entregado durante os corenta minutos de partido.


Seguro non se esperaban os lucenses verse 2-0 por detrás nos primeiros minutos. Todo mérito dun conxunto filialista centrado en explotar as súas virtudes o antes posible. Dúas excelentes defensas conduciron a dous non peores contragolpes finalizados ambos por Pau, artífice de que no minuto 6 os noieses estiveran dando a sorpresa.


Reducía diferenzas o equipo albivermello cun disparo á escadra de Longo que non fixo perder a calma ao Portus Apostoli B. Comezando por unha perfecta defensa a xogadores da calidade de Iago Rodríguez ou Antonio Diz, os noieses seguiron a xerar ataques peligrosos en velocidade.


O encontro tivo no minuto 15 un punto de inflexión. O CD Lugo Sala fixo o 2-2 por medio de Miguel, nunha acción de falta na que os colexiados asubiaron o seu lanzamento mentres os brancos colocaban a barreira e, por tanto, non estaban preparados. As protestas de Manu Lorenzo terminaron cunha esaxeradísima tarxeta vermella directa para o capitán noiés, sumándose esta a outras decisións controvertidas anteriores (e posteriores tamén) da parella arbitral e restando efectivos a un plantel xa minado de por si.


Aproveitaron os lucenses a superioridade para facer o 2-3 co que se chegou ao descanso. Longo encontrou o gol nun balón solto, a escasos segundos para que retornara a igualdade de xogadores ao 40x20, facendo máis cruel a situación para os locais.


Aguantou o resultado o conxunto noiés durante boa parte do segundo tempo, sosténdose nesa enorme actuación atrás dos catro xogadores de pista e un Pablo formidable baixo paus.


Finalmente, Brunito rompeu a resistencia facendo o 2-4 cun remate ao segundo pau, nun saque directo desde o córner. Tentou estirarse o filial en busca de reducir distancias, mais as forzas xa eran mínimas chegados a ese punto. Penalizou máis aínda Antonio Diz no 36’, cun gol pantasma que viu dentro un dos colexiados e pouca xente máis no Agustín Mourís. Xa cos noieses tentando a épica co porteiro-xogador, o mesmo Antonio Diz fixo o 2-6 definitivo de pista a pista.


Con este resultado que pouco corresponde co tesón e competitividade amosados polo conxunto noiés, a táboa déixaos sextos con 38 puntos, a tres da quinta praza e a cinco da cuarta, ocupadas por Concello de Begonte e Vigo 2015, respectivamente, ambos cun partido máis disputado.


Seguinte partido


O Noia Portus Apostoli B descansa esta fin de semana, pero antes, este xoves, recuperará no Agustín Mourís o duelo da xornada 18 contra o 5 Coruña FS a partir das 19:00h.


Ficha técnica


Noia Portus Apostoli B: Pablo (p), Insua, Pablo López, Pau e Manu Lorenzo (c). Tamén xogaron David Agraso, Marcelo e Diego Martínez.


CD Lugo Sala: Yerai (p), Miguel (c), Costoya, Brunito e Antonio Diz. Tamén xogaron Nico (p), Yago Núñez, Iago Rodríguez, Longo, Diego Núñez e Jairo.


Goles: 1-0 Pau (5’), 2-0 Pau (6’), 2-1 Longo (8’), 2-2 Miguel (15’), 2-3 Longo (17’), 2-4 Brunito (31’), 2-5 Antonio Diz (36’), 2-6 Antonio Diz (39’).


Os colexiados Kumor Otero e Pérez Álvarez amonestaron con cartón amarelo aos locais Pablo López (12’), Marcelo (15’), Pau (37’) e ao adestrador Palmas (11’). Ensinaron cartón vermello directo a Manu Lorenzo (15’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 27 da Terceira División, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.