top of page

CRÓNICA FILIAL | O Noia Portus Apostoli B libérase ante o Pizarras (9-3)

Goleada dos brancos, que xa na primeira parte souberon decantar o marcador do seu carón para certificar o que é a súa segunda vitoria consecutiva, que os permite saír do descenso.


Resultado amplo para uns tres importantísimos puntos do Noia Portus Apostoli B na xornada 9 da Terceira División. Os brancos asinaron un serio partido en defensa e resolutivo en ataque para derrotar ao Pizarras Los Tres Cuñados e afastarse dos postos de descenso.


Saiu consciente do que significaba o partido o Portus Apostoli B, dominando os tempos do mesmo cunha efectiva presión en defensa, bo uso do balón e seguridade en portería, un cóctel que lles serviu para colocarse por diante no minuto 5 por medio de Diego Martínez. Nunha xogada aillada igualaban os visitantes, froito dunha transición, alcanzado o ecuador do primeiro tempo. Porén, nos seguintes minutos os brancos amosaron calma para ampliar vantaxes ante un Pizarras especialmente tocado no aspecto físico.


Altamirano no 14’ e no 16’ (o segundo tras unha gran xogada con Álvaro), Power no 19’ e Yago Vizoso no 20’ colocaron o 5-1 co que ambos cadros alcanzaron vestiarios, cunha tranquilidade nese aspecto inédita para os noieses esta temporada, pero con aínda vinte duros minutos por diante.


Na reanudación, non se deixou intimidar o filial noiés por un Pizarras máis hostil no seu xogo nin polas veces que os de O Barco souberon reducir distancias. No mesmo minuto que se produciu o 5-2, unha gran acción combinativa que definiu Pau supuxo o 6-2, e no 28’ Altamirano asinou o 7-2 practicamente definitorio. Despois de lograr o seu terceiro tanto, os visitantes animáronse a buscar a milagre co porteiro-xogador, pero atopáronse cos tantos de Insua e Yago Vizoso que pecharon o 9-3 e a segunda vitoria consecutiva do Noia Portus Apostoli B.


Con este resultado, os noieses alcanzan a decena de puntos e sitúanse no undécimo posto da táboa clasificatoria, o que os deixa fóra dos postos de descenso que estiveron ocupando nas últimas datas.


Seguinte partido


A vindeira fin de semana os de Palmas visitarán ao Troula Betanzos FS, na xornada 10 do campionato ligueiro de Terceira División.


Ficha técnica


Noia Portus Apostoli B: Pablo (p), Power, Yago Vizoso, Pau e Manu Lorenzo (c). Tamén xogaron Pablo Godoy (p), Theo (p), Cristian, Insua, David Agraso, Pablo López, Álvaro, Diego Martínez e Altamirano.


Pizarras Los Tres Cuñados FS: Francisco Álvarez (p), Raúl Diéguez, Bruno (c), Borja Monteagudo e Rubén Villar. Tamén xogaron Anxo Macía (p), Kevin Ramos, Martín Rodríguez e Diego Rodríguez.


Goles: 1-0 Diego Martínez (5’), 1-1 Bruno (10’), 2-1 Altamirano (14’), 3-1 Altamirano (16’), 4-1 Power (19’), 5-1 Yago Vizoso (20’), 5-2 Diego Rodríguez (23’), 6-2 Pau (23’), 7-2 Altamirano (28’), 7-3 Borja Monteagudo (30’), 8-3 Insua (32’), 9-3 Yago Vizoso (35’).


Os colexiados Gulín Piñeiro e Paz López amonestaron con cartón amarelo aos visitantes Kevin Ramos (14’), Rubén Villar (23’) e Raúl Diéguez (33’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 9 da Liga de Terceira División, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.

Comments


bottom of page