top of page

CRÓNICA FILIAL | O Portus Apostoli B gaña e quere mirar cara arriba (6-2)

Nunha xornada na que moitos equipos da zona de abaixo venceron, non podía fallar o cadro branco, que coa forza do Agustín Mourís superou ao Concello de Begonte, quinto clasificado co que xa só o separan tres puntos.
David Agraso abreu o marcador nun encontro no que tamén anotaron Altamirano por partida dobre, Manu Lorenzo, Marcelo e Pau.

Como na casa en ningures, edición consecutiva número sete. Con máis comodidade da agardada triunfou o Noia Portus Apostoli B na visita do Concello de Begonte FS, quinto clasificado que claudicou ante a fortaleza defensiva e o empuxe ofensivo dun cadro noiés que, unha vez máis, demostrou que como local a cousa é distinta.


Coa idea clara de manter a seguridade atrás, tan só cinco minutos tardaron os noieses en romper o partido ao contragolpe. David Agraso finalizou sen miramentos unha rápida transición en ataque para o 1-0.


Só un mal despexe de Manu Lorenzo en boca de gol no minuto doce provocou que o estéril ataque do Concello de Begonte FS, parado ata ese momento pola gran defensa branca, atopara o premio do empate.


Cando os visitantes xa saboreaban ese botín, dous zarpazos no último minuto dun cadro filialista cada vez máis animado no apartado atacante decantaron o encontro do seu lado. O 2-1 obra de Altamirano, cun recorte preciso e un golpeo imparable para o meta rival. O 3-1, a dous segundos do descanso, convertido por Manu Lorenzo noutra contra fulminante dos noieses.


Lonxe de poder reaccionar, cedo na reanudación os begonteses sufriron outro mazazo. Unha xogada en combinación que comezou en Marcos Ferreyra e terminou en Altamirano, co arxentino empuxando practicamente na liña de gol o servizo de David Agraso para o 4-1.


A dez minutos do final e logo de verse incapaz de reducir distancias, entrou o porteiro-xogador nos visitantes. Respondeu o filial dando entrada tamén o seu propio xogo de cinco, para non caer nun dominio dos tempos do Concello de Begonte FS.


Houbo que agardar ata o 34’ para ver o seguinte gol, que non fixo máis que sentenciar o triunfo local. Marcelo finalizou un roubo en defensa de porteiro-xogador, poñendo o 5-1. O 6-1, dous minutos máis tarde por medio dun Pau que firmou a manobra máis destacada do partido e o mellor agasallo no día do seu aniversario.


Xa cando morría o encontro, o Begonte firmou o 6-2 definitivo co que se chegou ao asubío definitivo. Con esta vitoria, o Noia Portus Apostoli B sube ata o sétimo posto con 28 puntos, os mesmos que o sexto, o Carballiño FS (que ten un partido máis que os nosos) e a tres do quinto, un Concello de Begonte FS que marca unha zona de PlayOff de ascenso máis preto que nunca para os noieses. Aínda así, os equipos da parte baixa tamén apretan, nunha táboa que se comprime cada vez máis.


Seguinte partido


Descanso a próxima fin de semana para os brancos, polo que a vindeira xornada, a número 22, leva xa a marzo, co enfrontamento ante o CD Beade MVMB Copefri.


Ficha técnica


Noia Portus Apostoli B: Marcos Ferreyra (p), Insua, Pablo López, Pau e Manu Lorenzo (c). Tamén xogaron Yago Vizoso, Cristian Iglesias, Marcelo, Diego Martínez, David Agraso e Altamirano.


Concello de Begonte FS: Hugo García (p), Brais Cereijo (c), Yago Tizón, Ángel Prado e Jacobo Seijas. Tamén xogaron Jose Roca, Daniel Jove, David Fernández, Daniel Varela, Brais Ansede e Roberto Freire.


Goles: 1-0 David Agraso (5’), 1-1 Manu Lorenzo en propia portería (12’), 2-1 Altamirano (19’), 3-1 Manu Lorenzo (20’), 4-1 Altamirano (21’), 5-1 Marcelo (34’), 6-1 Pau (36’), 6-2 Daniel Varela (39’).


Os colexiados Rodríguez Pontanilla e Vázquez Mayán amonestaron con cartón amarelo a David Agraso (22’) e Altamirano (23’) polos locais e a Brais Cereijo (15’) e David Pena (21’) no bando visitante.


Incidencias: partido correspondente á xornada 21 da Terceira División, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.

Comments


bottom of page