Actuación seria e sólida do conxunto branco, que picou e picou ata conseguir un cómodo triunfo diante dun esixente, máis do que amosa o marcador, equipo visitante.
O Noia Portus Apostoli B amasou a fogo lento a consecución dos tres puntos na visita do Pabellón EDO Sala Ourense ao Municipal Agustín Mourís. O encontro comezou cun bo ritmo de partido e coas forzas equilibradas, con ambos cadros contando con chegadas ás porterías rivais.
Unha acción de balón parado resolvería o empate inicial. Nun saque de falta, un preciso pase de Insua dirección a Manu Lorenzo terminaba co 1-0, no minuto 5 de xogo. Tentou lanzarse o equipo ourensán a pola igualada, mais os noieses estiveron moi intensos no apartado defensivo para impedir o tanto visitante.
Nesas, o Portus Apostoli B taméns e animou en busca de aumentar vantaxe e acabaría obtendo a recompensa nos últimos segundos do primeiro tempo, con Power rematando á rede un balón solto nun saque de banda.
Descanso, Noia Portus Apostoli B 2-0 Pabellón EDO Sala Ourense
Xa na reanudación, presumíase que o seguinte gol podía marcar o rumbo do partido: ou quedar practicamente pechado para os locais ou recobrar a emoción de cara o tramo final. Novamente nunha acción de estratexia, sucedería o primeiro, con Naranjo empuxando unha volea de Rivera ao marco ourensán a 16’ do final.
E seis minutos máis tarde, Pablo López encaraba máis o triunfo definindo á rede un contragolpe iniciado por Power. Tocoulle arriscar aos visitantes no seu propósito de buscar a milagre, e introduciron o porteiro-xogador a sete minutos do final.
Presentóuselle aos noieses o escenario perfecto para redondear a vitoria. Álvaro, desde a súa cancha, aproveitaba unha perda de balón na circulación do xogo de cinco ourensán para colocar o 5-0 que sería definitivo, a pesar das intentonas en superioridade do Pabellón EDO Sala Ourense e tamén do Noia Portus Apostoli FS nos últimos minutos de conseguir un tanto máis.
Final do partido, Noia Portus Apostoli B 5-0 Pabellón EDO Sala Ourense
A próxima semana os noieses descansarán, para dentro de dúas visitar ao líder da categoría, o Ganomagoga IES Coruxo FS. Pase o que pase a vindeira xornada, os de Daniel Ventoso chegarán a ese partido como terceiros clasificados con trece puntos, un balance moi positivo co que o Portus Apostoli pecha a primeira volta do Grupo B da Terceira División.
Ficha técnica:
Noia Portus Apostoli B: Néstor (p), Álvaro, Antón Arnejo, Iago e Antón Rodríguez. Tamén xogaron Anxo, Rivera, Insua, Manu Lorenzo (c), Álex Naranjo, Power, Diego Pérez e Pablo López.
Pabellón EDO Sala Ourense: Eric (p), Fernando (c), Hugo, Edgar e Antonio. Tamén xogaron Kevin, Fidel, Diego Oliveira, Julio José Rodríguez, Ángel e Javier.
Goles: 1-0 Manu Lorenzo (5’), 2-0 Power (19’), 3-0 Álex Naranjo (25’), 4-0 Pablo López (30’), 5-0 Álvaro (34’).
Os colexiados Álvaro Darriba e Sergio López amonestaron con cartón amarelo ao local Antón Rodríguez (36’) e aos visitantes Hugo (16’), Fernando (26’) e Edgar (27’).
Incidencias: partido correspondente á 11ª xornada de Liga do Grupo B da Terceira División de fútbol sala, disputado a porta pechada no Municipal Agustín Mourís de Noia.
Comments