O Noia Portus Apostoli B logrou igualar un 0-2 e tivo ocasións para quedarse cos tres puntos, nun partido no que foi de menos a máis.
Un punto máis para sumar ao peto do obxectivo do Noia Portus Apostoli B, que tivo que recompoñerse dun inicio dubitativo para sumar na visita do Campito Chapela FS ao Agustín Mourís.
E é que os de Redondela conseguiron unha vantaxe no marcador de 0-2, cos tantos de Raúl no 7’ e Fernando no 13’. Eran minutos eses nos que aos noieses lles custaba atacar o bloque baixo dos visitantes, que buscaban no erro rival e nas xogadas rápidas o seu premio, coas que lograron as dianas.
Afortunadamente, os brancos foron quen de obter algo de desafogo no xogo nos últimos minutos, e rozando o tempo de descanso Antón Rodríguez reduciu vantaxe cunha gran finalización en picada diante do porteiro, provocando que os xogadores puxeran rumbo a vestiarios cos equipos separados por un só tanto.
Descanso, Noia Portus Apostoli B 1-2 Campito Chapela FS
Na segunda parte os de Daniel Ventoso amosarían unha mellor cara desde o comezo, levando a iniciativa do xogo e contando con numerosas e peligrosas ocasións do seu lado coa meta de nivelar o marcador.
Porén, a dez minutos do final chegaría un momento que marcaría o encontro, cun encontronazo entre un noiés e un rival que acabaría co visitante retirándose da pista en padiola, entre os aplausos da grada do Mourís.
Despois do susto, o xogo retomouse onde quedara, cos de Ventoso indo a polo empate, cousa que non tardarían en lograr, co tanto de Anxo no minuto 31. Co 2-2 no peto, os brancos non se frearon e arriscaron todo polo triunfo, chegando os seus mellores minutos no encontro.
A catro minutos do final o adestrador noiés poñería máis carne no asador, introducindo o porteiro-xogador con Iago vestido coa camiseta. A superioridade aportou máis profundidade e ocasións aos locais, pero sen conseguir un gol que na recta final do partido ben mereceron.
Final do partido, Noia Portus Apostoli B 2-2 Campito Chapela FS
Os noieses siguen sumando e acumulando experiencias nesta nova categoría para eles. O próximo partido será, despois de dous suspendidos, o primeiro como visitantes, desprazándose ao Paco Chao para enfrontarse ao Carballiño FS.
Ficha técnica:
Noia Portus Apostoli B: Néstor (p), Diego, Álvaro, Antón Arnejo e Antón Rodríguez. Tamén xogaron Álex Naranjo, Rivera, Anxo, Insua, Manu Lorenzo (c), Pablo López e Iago.
Campito Chapela FS: Adán (p), Daniel Batallán, Cristian, Daniel Estévez (c) e Lucas. Tamén xogaron Miguel (p), Aarón Rodríguez, Raúl, Fernando, Aarón Vidal, Gabriel e Darío.
Goles: 0-1 Raúl (7’), 0-2 Fernando (13’), 1-2 Antón Rodríguez (19’), 2-2 Anxo (31’).
Os colexiados amonestaron con cartón amarelo aos locais Álvaro (2’), Iago (35’) e Manu Lorenzo (38’) e aos visitantes Raúl (8’), Adán (37’) e Miguel (38’).
Incidencias: partido da cuarta xornada do grupo B da Terceira División, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante a presenza de 60 afeccionados.
Comentarios