O segundo equipo noiés comeza a súa competición ligueira este domingo 15 de setembro, cando recibirá no Agustín Mourís ao Alto do Vento FS a partir das 19:30 horas.

Esta fin de semana o Noia Portus Apostoli B, este ano con Dani Ventoso “Juve” aos mandos, comezará a súa segunda temporada consecutiva na Preferente Autonómica – Grupo Norte. Despois do sétimo posto acadado o pasado curso, o conxunto filial non se coloca, a priori, obxectivos para esta 2019-2020.
Nesta nova temporada, o plantel filialista estará formado por un perfil de xogadores máis xóvenes se cabe comparado coa da 2018-2019, xa que contarán con protagonismo tanto en adestramentos como en encontros algúns xogadores pertencentes ao equipo xuvenil.
O primeiro partido ligueiro chegará despois dun período de pretemporada de tres semanas no que o adestrador “Juve” puido introducir os primeiros conceptos do curso aos seus novos xogadores, que intentarán levalos a cabo para colleitar os primeiros tres puntos do curso ante un rival que xa é un vello coñecido.
Tanto hai dous anos en Primeira Galicia como a temporada pasada nesta mesma división, Noia Portus Apostoli B e Alto do Vento FS xa batallaron nos parqués. No caso deste último, os enfrontamentos saldáronse cun triunfo para cada equipo, facendo boa a súa condición de local.
Un curso no que tan só tres postos distanciaron a noieses de santiagueses, pero con ben distintos camiños, xa que os nosos contaban coa salvación dende moitas datas antes da última mentres o rival desta primeira xornada tivo que esperar ás decisivas para confirmar a permanencia.
Mais iso xa é pasado e todo volverá a comezar este domingo, nunha estrea que servirá para dar os primeiros indicios de onde colocar a cada equipo nas previsións de cara ao desenvolvemento do curso.
Este domingo pola mañá “Juve” dará a coñecer aos seus xogadores a lista de convocatoria definitiva para este primeiro partido, que se disputará a partir das 19:30 horas no Agustín Mourís.
Kommentit