top of page

O filial termina coa “maldición” fóra da casa (3-6)

O Noia Portus Apostoli B suma de tres lonxe do Mourís por primeira vez desde setembro e obtén así un triunfo vital para continuar na zona alta da táboa.


Finalmente, o cadro branco volveu á senda da vitoria nun partido disputado lonxe do seu feudo. Prantábase o Noia Portus Apostoli B coa obriga máis que nunca de gañar despois dos acontecementos das últimas semanas e días, e nesta ocasión non fallou en Agolada.


E iso que o encontro comezou con malas noticias, xa que sería o equipo local o que tomara a vantaxe no marcador no minuto catorce de xogo. Saberían recompoñerse os noieses, que lle darían a volta ao resultado con dous goles en dous minutos.


Porén, o Restaurante Galicia Agolada FS sería quen de volver a batir a portería dos brancos, poñendo a un minuto do descanso unha nova igualada no electrónico que semellaba definitiva camiño ao descanso.


Semellaba pero non foi así, xa que practicamente na xogada seguinte chegaría o terceiro tanto noiés, colocando no marcador a vantaxe dos visitantes coa que os xogadores de ambos equipos tomarían camiño a vestiarios para o tempo de lecer.


Descanso, Restaurante Galicia Agolada FS 2-3 Noia Portus Apostoli B


Aos dous minutos da reanudación os de “Juve” aumentarían a súa renta no marcador, anotando un 2-4 que de inmediato os locais responderían co 3-4 que restabrecía a vantaxe de un gol con case vinte minutos por diante.


Entrando no ecuador da segunda metade, o ambiente do partido parecía decantar que o seguinte gol resultaría decisivo para perfilar o resultado final. Por fortuna para os intereses noieses, chegaría o quinto dos seus e non o terceiro local no minuto 33 de xogo.


Unha diana que non sería a derradeira, xa que a cinco do final os filialistas convertían o 3-6 que terminaba por decantar o partido e por levar os tres puntos a Noia, a pesar dos intentos finais por parte do cadro local.


Final do partido, Restaurante Galicia Agolada FS 3-6 Noia Portus Apostoli B


Con este triunfo, o segundo consecutivo -algo que desde comezo de curso non lograban-, os noieses escalan ata a sexta praza, colocando 21 puntos novamente no seu casilleiro, a sete da zona de promoción de ascenso. O seguinte rival, último do ano 2019, do filial branco será o Troula Betanzos, que visitará a próxima fin de semana o Agustín Mourís.

bottom of page