top of page

PREVIA X4 FILIAL | Cidade de Narón-Noia Portus Apostoli B

Os de Palmas miden a súa boa xeira de dúas vitorias consecutivas diante dun cadro que tamén suma seis puntos e que está chamado a ser importante na categoría.

Buscará este sábado 8 a partir das 18:00h o Noia Portus Apostoli B a súa terceira vitoria seguida, na visita ao Municipal A Gándara para enfrontarse ao Cidade de Narón, en encontro da cuarta xornada da Terceira División.


O conxunto filialista noiés logrou encadear dous triunfos seguidos, diante do Sport Sala FS e o 5 Coruña FS, despois de non sumar no primeiro envite do curso. Agora, sumidos na boa onda de resultados, o Portus Apostoli B pretende manter a inercia gañadora e tamén seguir progresando no seu xogo, trabado por momentos nos seus anteriores compromisos.


A proba será dunha altura considerable. O Cidade de Narón, un dos equipos históricos dos últimos anos no fútbol sala galego, descendeu a pasada temporada da Segunda División B, o que o converte nun cadro moi a ter en conta nesta Terceira. Ata o momento, contan cun camiño calcado aos noieses, con 6 puntos sumados ante os mesmos rivais. A derrota chegou a semana pasada por 7-4 fronte o Carballiño FS, quen será o adversario do Noia na xornada 5.


Misións claras para os rapaces de Palmas: continuar avanzando adecuadamente no aspecto táctico e alargar a costume de sumar, a poder ser de tres en tres, nunha categoría que non agarda por ninguén.

bottom of page