top of page

PREVIA FILIAL | Noia Portus Apostoli B-5 Coruña FS | A poñerse ao día

Os brancos recuperan o partido aprazado no seu día da xornada 18, coa visita do cadro coruñés ao Agustín Mourís este xoves a partir das 19:00 horas.

A festividade de Semana Santa supón o parón para a Terceira División… menos para os equipos con algún partido pendente. É o caso do Noia Portus Apostoli B, que recuperará o aprazado contra o 5 Coruña FS da xornada 18 este xoves 14 de abril a partir das 19:00 horas no Municipal Agustín Mourís.


Un feudo que esta pasada fin de semana viu como se escapaban os puntos por primeira vez en oito partidos. O causante, o CD Lugo Sala, líder da categoría que tivo que suar máis que nunca para alongar o seu status de invicto e aproximarse a un campionato que é cuestión de tempo.


Lonxe de penalizar, a actuación realizada nese encontro motiva aos noieses, que están a un paso de pechar a permanencia matemática e siguen moi vivos na pelexa polos postos de PlayOff de ascenso a Segunda División B.


Unha vitoria contra o 5 Coruña FS poñeríaos na quinta posición que dá acceso á promoción. No choque de ida da xornada 3 os coruñeses xa demostraron a súa perigosidade, derrotando aos nosos por 7-4 nun partido que se decidiu na súa recta final. Décimos con 29 puntos, o cadro herculino aínda non ten pechada a súa salvación, e despois de gañarlle 5-2 ao Praias de Barreiros na anterior data, buscan dar un paso de xigante.


Despois de deixalo todo e incluso darlle un susto ao líder, este xoves o Portus Apostoli B quere repetir desempeño pero co premio de puntuación incluido para dibuxar unha clasificación totalmente fiel ao seu espléndido estado de forma.

bottom of page