top of page

A centímetros de lograr a sétima vitoria seguida (3-3)

Nun partido condicionado pola condensación da pista que impedía o normal desenvolvemento, o filial noiés logrou un punto que ben puideron ser tres de aproveitar as ocasións finais do encontro.

Incómodo partido para o Noia Portus Apostoli B o disputado o sábado en Guitiriz. Os de “Juve” atopáronse ante as adversidades dunha pista do Municipal de Guitiriz impracticable pola condensación e co déficit de contar tan só con sete xogadores de campo dispoñibles.


As condicións, tanto do equipo como do terreo de xogo, prestaban a un partido lento e de pouco ritmo, que foi o que se viu durante uns primeiros minutos onde se chegou a sopesar a suspensión do encontro, que tras uns momentos de parón se denegou por parte dos locais.


Apenas uns instantes despois da reanudación, unha xogada de estratexia de saque de esquina terminaba con Manu Lorenzo adiantando aos noieses, aproveitando unha entrega de Rafa.


O tanto foi un dos poucos claros nunha primeira metade plagada de nubarróns exemplificados en xogo tosco e impreciso por parte de ambas escadras, presas das condicións nas que se estaba a disputar o encontro.


Aínda así, foron os brancos os que tiveron numerosas opcións de aumentar a súa vantaxe por medio de Diego Pérez, Manu Lorenzo e Iago, que foron os que gozaron das oportunidades máis perigosas diante do porteiro local.


Por desgraza, os de “Juve” non lograrían colocar un segundo tanto nesa fase de lixeiro dominio sobre o Restaurante O Korreo Guitiriz FS, que se foi animando a medida que chegaba o entretempo, e disfrutou de unha ocasión importante que “Chaky” evitou que fora a maiores, facendo así que o marcador señalara o 0-1 ao descanso.


Descanso, Restaurante O Korreo Guitiriz FS 0-1 Noia Portus Apostoli B


Coa consigna de rematar o partido saían os brancos á segunda metade, pero xa se está a converter nun vicio negativo encaixar ao pouco tempo do reinicio. Como sucedeu nos últimos encontros, os noieses recibiron no 21’ o 1-1 nunha perda en medio campo que terminou nun contrgolpe definido por Esteban Roca.


O choque volvía a igualarse no marcador, mais as sensacións continuaban a ser as mesmas que as anteriores ao empate: pouca chispa, imprecisións e xogo pouco vistoso para os afeccionados presentes no graderío do Municipal de Guitiriz.


Semellaba que calquera mínimo erro podería custarlle caro a calquera dos equipos, e así foi cando, no 31’, un mal pase de Manu Lorenzo acababa nos pés de Esteban Roca, que cun forte disparo lonxano batía a “Chaky” para adiantar ao seu equipo por primeira vez no electrónico.


Respostou o cadro noiés, en primeira instancia, subindo liñas na presión para incomodar aos locais, o que lles otorgou algunhas ocasións pero sen efectividade. Xa despois “Juve” introduciu o xogo de cinco, con Manu Lorenzo de porteiro-xogador, e o dominio dos tempos pasou a ser totalmente branco.


Nunha das xogadas, Iago enviaba un balón sen dono na área á rede para volver a empatar o encontro a sete minutos do final. Porén, a alegría do empate duraría pouco, xa que na xogada seguinte os locais desestabilizaban o suficiente a defensa noiesa para volver a tomar a dianteira, con Jesús Díaz convertendo o 3-2.


Non quedaba outra para os nosos que insistir co porteiro-xogador, e cedo atoparon a recompensa. No 37’ Diego Pérez cun disparo exterior poñía o 3-3 e deixaba tres minutos de tensión para decidir gañador.


Se algún dos conxuntos puido levarse os tres puntos foi, sen dúbida, o Noia Portus Apostoli B. Logo de defender unha ocasión dos guitiricenses que se foi desviada, nas botas de Rafa, Diego Pérez e, sobre todo, Manu Lorenzo, que tivo a última e máis clara ocasión a segundos do final, estivo a diferenza.


Final do partido, Restaurante O Korreo Guitiriz FS 3-3 Noia Portus Apostoli B


Un empate que sabe a pouco no vestiario noiés, pero que permite seguir sumando unha semana máis no obxectivo de manterse na zona alta da táboa. A próxima xornada leva aos brancos a recibir no Mourís ao líder da categoría, o Concello de Begonte FS, nun encontro moi importante para as súas aspiracións.


Ficha técnica:


Restaurante O Korreo Guitiriz FS: Xabier López (p), Manel Díaz, Jesús Díaz, Alejandro Santamarina e Anxo Pena. Tamén xogaron Adrián Vázquez, Iván López, Esteban Roca (c), David Teijido e Ángel Varela.


Noia Portus Apostoli B: “Chaky” (p), Diego Pérez, Rafa, Iago e Manu Lorenzo (c). Tamén xogaron Álvaro, Churches e David Agraso.


Goles: 0-1 Manu Lorenzo (5’), 1-1 Esteban Roca (21’), 2-1 Esteban Roca (31’), 2-2 Iago (33’), 3-2 Jesús Díaz (33’), 3-3 Diego Pérez (37’).


Os colexiados amonestaron ao local Esteban Roca (39’) e ao visitante Iago (4’).

bottom of page