top of page

Alto do Vento FS-Noia Portus Apostoli B: a continuar a xeira na segunda volta

O filial volve a actúar fóra da casa co obxectivo de seguir incrementando o seu gran estado de forma diante do Alto do Vento FS (Municipal Santa Isabel, sábado 18, 20:00 horas).

Comezar a segunda volta como terminou a primeira, é o que procurará o Noia Portus Apostoli B este sábado a partir das 20:00 horas no Municipal de Santa Isabel santiagués ante a oposición do Alto do Vento FS.


Os noieses demostraron en Quiroga que o parón de Nadal non significou unha barreira á boa xeira de resultados que acumulaban, protagonizando unha segunda metade de aúpa que lles permitiu obter un valioso triunfo, o cuarto consecutivo. Por iso, na capital galega, tentarán lograr unha quinta.


“Estamos nun bo momento físico e anímico”, recoñece o xogador Churches, que tamén afirma que no vestiario filialista “é difícil perder o ánimo, pero se vemos a algún compañeiro con falta del, todos intentamos animalo”.


O partido desta fin de semana será o segundo como visitante, unha condición que semellaba maldita para os brancos ata os dous últimos compromisos, que remataron con vitoria. Aínda así, Churches non dubida en afirmar que “nunca existiu medo” aos partidos lonxe de Noia porque “confiamos uns nos outros e tamén en como xoga o equipo”.


Así, chegan con máis confianza a este encontro, que non confiados. A pesar da posición que ocupa o Alto do Vento FS, 14º con oito puntos, no seno do equipo son conscientes de que “non nos podemos relaxar con ningún rival, todos teñen as súas cousas e poden complicarnos o partido”.


Pola súa parte, o Noia Portus Apostoli B é cuarto con 27 puntos, e cada partido xa é vital para optar a algo máis que o establecido como obxectivo. “Non podemos pensar que o descenso está lonxe porque unha mala racha pronto che pon no fondo da clasificación”, desvela Churches, “pero pensamos en seguir como ata agora, e se hai posibilidades de optar á promoción, non seremos nós os que digamos que non”.


Unha das ilusións que se respira en torno ao equipo, que se reflexa no desexo de Churches para este 2020: “manternos como rematamos o ano pasado, na senda da victoria, sabemos que non é fácil pero é o que nos queda se queremos optar aos postos de arriba”.


O próximo paso para seguir cumprindo ese plan pasa por esta xornada 16 da Preferente Autonómica – Grupo Norte, tan só coa quinta victoria consecutiva en mente.

Comments


bottom of page