top of page

Antonio Diz: “En dez minutos escapóusenos o partido”

O pívot lucense, autor do primeiro gol dos noieses e que os puxo por diante no marcador, falou ao término do encontro contra o Pescados Rubén Burela.

Antonio Diz na celebración do 0-1 favorable á súa escadra

“En 10 minutos escapóusenos o partido, que estaba a ser de igual a igual. Pero é certo que ante un equipo de Primeira División en moi poucos minutos de desconexión escápase un partido, e foi o que pasou”. Certeiro e directo, Antonio Diz desgrañaba as principais razóns da derrota dos seus na final da XXIX Copa Galicia fronte o Pescados Rubén Burela.


Diz recoñecía que “falamos no descanso que o partido estaba moi costa arriba, que iamos ir tentar gañar a segunda parte”, algo que lograron, pero “as sensacións coas que un se vai son de que foi un resultado demasiado abultado para o que se viu en trinta minutos, hai dez de total desconexión e aí Burela vaise en catro goles”, afirmaba. “A partir de aí sacamos orgullo pero non chegou, e remontar catro goles son moitos, e os paus, Edu e demais fixeron imposible a fazaña”, resignábase o pívot.


“Era o momento de gozar desta final, de tentar facer máis historia e non o logramos”, laiábase Antonio, que recoñecía ser “moi competitivo, todos o somos no equipo, e creo que é un día fastidiado nese aspecto, porque as finais hai que gañalas e escapóusenos cando estamos nun momento bo”.


Sobre o duelo contra o seu irmán Álex non dubidou en expresar que “é unha ledicia para min e a miña familia disputar estes partidos, pero unha vez empeza é anecdótico. Estea meu irmán ou estea quen estea eu sempre quero gañar, despois se non gaño eu, sempre quero que gañe el, é lóxico. Desfrútase antes e despois, pero no momento do partido quero gañar. Non puido ser e darlles a noraboa”, sentenciaba.

bottom of page