top of page

BASE | Presentada a Escola Deportiva do Noia Portus Apostoli FS en Porto do Son

O director xeral do club, Javier Barreiro, deu o pé de inicio á nova sede da base noiesa no concello sonense, acompañado de Juan Pouso, concelleiro de deportes, e Luis Otero, técnico de deportes.


A Escola Deportiva do Noia Portus Apostoli FS en Porto do Son xa é unha realidade. Despois de dúas semanas con días de xornadas de portas abertas no Pavillón David Vidal de Portosín, na mañá deste venres presentouse a nova iniciativa do club, en colaboración co concello sonense.


O director xeral do club noiés, Javier Barreiro, xunto a Juan Pouso e Luis Otero, concelleiro de deportes e técnico de deportes, respectivamente, do Concello de Porto do Son, foron os encargados de realizar, na Casa da Cultura sonense, a presentación da Escola Deportiva que, como afirmou Pouso, “vai ter lugar no pavillón polideportivo David Vidal de Portosín os mércores e venres de cada semana, en horarios de 18h a 20h”, e que é o produto final dunhas xornadas de portas abertas “que tiveron bastante éxito”. Así mesmo, o concelleiro destacou os beneficios para os seus veciños e veciñas de colaborar co Noia PA FS, ao que se referiu como “un referente neste deporte”.


Pola súa parte, Barreiro afirmou ser “un pracer estar aquí, presentando esta nova ubicación da nosa Escola Deportiva”, enmarcado nun dos obxectivos da entidade noiesa que é “fomentar o fútbol sala base, e cremos que o idóneo é facelo máis aló do noso pobo e que o noso deporte se vexa recoñecido pola comarca do Barbanza”, elixindo como comezo o Concello de Porto do Son porque “cando o club necesitou en momentos puntuais as súas instalacións, sempre houbo unha colaboración moi cercana, e é de agradecer”.


Toda a información para realizar a inscrición á Escola Deportiva do Noia PA FS en Porto do Son pódese atopar a través do correo electrónico desportesdoson@gmail.com ou do teléfono 981 76 77 58

O director xeral sinalou tamén a relevancia da “marca Noia Portus Apostoli e Noia FS, que se está facendo pouco a pouco un oco no panorama do fútbol sala nacional” no marco desta iniciativa, así como a mentalidade de “paso a paso” continuar “crecendo a nivel de club e a nivel social”, factores que suman para que a esta nova Escola Deportiva en Porto do Son se convirta en “algo moi importante do que se poden favorecer moitos nenos e nenas”, non só dentro da pista, senón fóra, coa posibilidade de acceder a certos partidos do primeiro equipo branco.


Sobre o desenvolvemento da Escola, Barreiro expresou que “arrancar non é doado, pero co que vimos vendo coas xornadas de portas abertas estamos moi contentos coa afluencia, e intentaremos conservar o número de rapaces e rapazas que viñeron ese días”. Os cativos e cativas estarán baixo a tutela de “adestradores titulados do club” e, de forma ocasional, xogadores do primeiro equipo noiés. Por último, o director xeral puntualizou que “calquera neno que queira vir, de calquera idade, pode facelo” e que “temos divididas dúas horas de adestramentos en mércores e venres, pero a medida que vaia pasando o tempo iremos perfilando todo”.



Comments


bottom of page