Un cadro filial noiés de doce nas últimas semanas visita a cancha de A Marisma coa intención de non frearse nunha xeira que o aproxima máis á permanencia e á fase dos mellores do Grupo B da Terceira División.
O meteórico final de primeira volta do Noia Portus Apostoli B viu en Coruxo un epílogo ilusionante… e por que non seguir? Quizais esa sexa a pregunta que se fan no vestiario do filial branco, que conta catro vitorias (tres delas consecutivas) nos últimos cinco partidos, e que ten como resposta o encontro deste sábado ás 20:00 horas, recibindo ao Campito Chapela FS na 15ª xornada do Grupo B de Terceira.
Os últimos resultados dos de Daniel Ventoso aúpan aos seus a unha zona cómoda e nobre, pero para a que é preciso seguir sumando de tres para asentarse e non perder a comba gañada, ademais nun formato de competición tan agresivo. Terceiro con 16 puntos, igualado co segundo, que ten un partido máis, e con catro puntos menos que o primeiro, que suma 20 puntos, os seguintes encontros resultan fundamentais para dilucidar a onde irá o Portus Apostoli B.
No Pavillón de A Marisma veranse os brancos a cara cun Campito Chapela FS do que son conscientes das súas dificultades, xa que na primeira volta non lograron pasar do empate, na única cita na que o Agustín Mourís viu escapar puntos esta temporada. Os redondelanos, ademais, sairán coa necesidade de sumar, despois de catro partidos seguidos sen coñecer a vitoria, e con opcións de engancharse na parte media-alta da táboa.
O refrán di que “non hai dous sen tres”, pero este Noia Portus Apostoli B que nas últimas semanas vén consolidándose como a revelación do Grupo B de Terceira desafía esta fin de semana ao dito popular en busca dun cuarto triunfo que pode facer soñar neste tramo final de primeira fase.
Comments