top of page

Contundencia e solidez para volver a escalar postos (6-1)

O filial non deu opción ao Insuas do Miño Rábade FS e logrou uns importantes tres puntos que o manteñen nunha zona privilexiada da clasificación.


O filial durante unha sesión de adestramento

O bálsamo do Agustín Mourís voltou a reflexarse no Noia Portus Apostoli B na décima xornada da Preferente Autonómica – Grupo Norte, na que os de “Juve” recibían ao Insuas do Miño Rábade FS, terceiro clasificado antes do encontro.


Apenas tardou un minuto en ter efecto esa condición de local que tan ben lle senta aos brancos. Despois dun lanzamento ao poste dos visitantes, o filial noiés respondeu rotundamente co primeiro gol do partido, co que tomaron unha dianteira que nunca perderían, e que daba a sensación que iría a máis co paso dos minutos.


Ao ritmo dos locais se xogaba o envite, poñendo a proba constantemente a un gardameta visitante que salvaba en cada oportunidade aos seus. Non puido facelo no minuto oito, cando un lanzamento de falta se converteu no 2-0, e tampouco no 11’, cando chegaría a terceira diana da tarde, que non facía máis que confirmar o que se reflexaba sobre o parqué.


A tres minutos do descanso lograría o Noia Portus Apostoli B o 4-0, despois doutros intentos freados polo gardarredes, que mantivo ao seu equipo con esa renta, que ben puido ser maior, no camiño a vestiarios.


Descanso, Noia Portus Apostoli B 4-0 Insuas do Miño Rábade FS


Saltaban á reanudación os dous conxuntos con ideas ben distintas, e o guión do encontro mantívose nos primeiros intres similar a como se viña sucedendo. Porén, no minuto tres do segundo tempo os visitantes plantarían a semente dunha reacción cun gol froito dunha acción de estratexia de saque de esquina.


Unha diana que deu esperanzas ao Insuas do Miño Rábade FS, que optaron por introducir o xogo de cinco na súa fase atacante. Pola súa parte, os noieses defendíanse ante as acometidas visitantes, buscando un segundo gol que espertara máis as súas opcións de ser os primeiros en sacar puntos do Mourís.


Mais no minuto 34 cometeron un erro que os brancos non desaproveitaron, para anotar o 5-1 a porta baleira e poñer unha distancia practicamente insalvable, que no 38’ aumentaría aínda máis, con outro tanto do Noia Portus Apostoli B aproveitando a ausencia de porteiro, e pechando desta forma o partido.


Final do partido, Noia Portus Apostoli B 6-1 Insuas do Miño Rábade FS


Con este triunfo, o Noia Portus Apostoli B escala ao sexto posto con 18 puntos, a catro do terceiro posto e cinco do segundo, ademais de poñer freo a un dos equipos que habita esa zona. Unha victoria que precisará facer boa ante outro equipo que aspira a subir na táboa, como é o Os Meigallos FS, ao que visitará na próxima xornada.

Commentaires


bottom of page