top of page

CRÓNICA X6 FILIAL (NPA B 6-3 BAR) | De menos a máis e volta á senda do triunfo

Os noieses déronlle a volta ao 0-2 inicial para conseguir os tres puntos nun duelo ante un rival directo na táboa.

O Noia Portus Apostoli B regresou este sábado ao camiño gañador, despois de superar na xornada 6 por 6-3 ao Praias de Barreiros CD, nun partido que non comezou nada ben para os noieses pero que cambiou totalmente de cariz na segunda metade.


E é que xa no segundo minuto de partido tomaron a dianteira os visitantes, por medio dun Aarón Artime que novamente anotaría no 6’ e ampliaría as diferenzas no marcador ata o 0-2.


O tempo morto a nove minutos do descanso faría espertar ao filial noiés, que por medio dun gran tanto de Brais cun remate desde fóra da área colocaría o 1-2 no minuto 15. A sexta falta cometida polo Praias puido significar o empate, pero o meta rival acertou as intencións de Pau desde os dez metros.


Porén, iso non freou a boa dinámica dos brancos, que na reanudación pouco tardaron en poñerse por diante. Un dobrete de Dani no 21’ e no 23’ correspondía os grandes minutos de xogo do filial sobre o parqué do Agustín Mourís.


Os tantos de Lucho no 28’, finalizando un contragolpe, e Aarón Artime en propia portería no 35’ deron tranquilidade ao Portus Apostoli B, que non aínda os tres puntos. O Praias non baixou os brazos e introduciu o porteiro-xogador para tentar poñerlle sal aos últimos cinco minutos de encontro.


Foi nun lanzamento directo de falta co que Gustavo Henrique Rodrigues fixo o 5-3 que devolvía certas esperanzas aos visitantes para o tramo final. Aí, o Noia soubo sufrir, defender e terminar de pechar o triunfo, cunha recuperación de Álvaro que Hugo convertiu no 6-3 definitivo a falta de treinta segundos.


Sitúase o Noia Portus Apostoli B despois deste triunfo, o cuarto da temporada en seis partidos, con 12 de 18 puntos posibles, un considerable puñado de unidades que permite ao conxunto filialista ocupar na táboa unha praza noble e xa moi alonxada da queima.


Ficha técnica


Noia Portus Apostoli B: Marcos (p), Lucho, Hugo, Pau e Dani. Tamén xogaron Théo (p), Álex Calvo, Luis Viñas, Insua (c), Álvaro, Brais e Jorge.


Praias de Barreiros CD: David Rodríguez (p), Aarón Artime, Borja Rocha, Miguel dos Reis e Gustavo Henrique Rodrigues. Tamén xogaron José Luis Vázquez (p), Adilson de Jesús, Antonio Baltar, Borja Blanco e Sergio Rivas.


Goles: 0-1 Aarón Artime (1’), 0-2 Aarón Artime (6’), 1-2 Brais (15’), 2-2 Dani (22’), 3-2 Dani (23’), 4-2 Lucho (42’), 5-2 Aarón Artime en propia portería (35’), 5-3 Gustavo Henrique Rodrigues (35’), 6-3 Hugo (39’).


Os colexiados Jesús Otero Baltasar e Álvaro Sobral Moreno amonestaron ao local Hugo (2’) e aos visitantes Aarón Artime (2’), Cristian Gómez (7’) e Borja Rocha (25’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 6 da Terceira División, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.

Comments


bottom of page