top of page

CRÓNICA X2 FILIAL (SPS 2-6 NPA B) | A primeira vitoria chega con autoridade

O Portus Apostoli B superou ao Sport Sala FS para sumar os primeiros puntos e a primeira vitoria da temporada de maneira contundente no marcador final.
O equipo noiés que logrou o triunfo en Culleredo

Na segunda xornada ligueira chegou a primeira alegría para o Noia Portus Apostoli B. Os de Palmas realizaron un encontro moi serio na cancha dun dos conxuntos máis duros da categoría para terminar levándose diante do Sport Sala FS o primeiro triunfo do curso.


Cun inicio de partido parello, no que o disparo ao poste do noiés Dani foi a oportunidade máis clara, os goles tardaron en chegar ata o tramo final da primeira metade, pero ben pagou a pena agardar. Hugo adiantaba aos brancos resolvendo unha xogada embarullada no 17’. Pouco durou a vantaxe, co empate de Nacho para os de Culleredo apenas un minuto máis tarde. Porén, os noieses serían quen de voltar a adiantarse antes do descanso, grazas a unha gran acción de Jorge que el mesmo transformou no 1-2.


Puxo terra de por medio o filial co 1-3 de Dani no 27’. Con dez minutos restantes, o técnico local optou polo porteiro-xogador, estratexia que lle daría o 2-3, obra de Jesús, pero tamén acabaría por enterrar as súas opcións de sumar.


Non aproveitaron os de Palmas as ocasións xeradas co seu propio xogo de cinco, pero si na defensa do do Sport Sala FS. Lucho daba tranquilidade no 36’ cun tanto desde a súa pista, ao que seguiría unha nova diana de Lucho no 37’ para deixar case visto para sentencia o choque. Xa no 39’, Pau colocaba o 2-6 definitivo.


Ficha técnica


Sport Sala FS: Martín (p), Pazos, Óscar (c), Dani e Stefano. Tamén xogaron Nachete (p), Álvaro, Brais, Nandi, Nacho, Jesús e Andy.


Noia Portus Apostoli B: Pablo (p), Lucho, Jorge, Pau e Insua (c). Tamén xogaron Álex Calvo, Yago Vizoso, Brais, Álvaro, Dani e Hugo.


Goles: 0-1 Hugo (17’), 1-1 Nacho (17’), 1-2 Jorge (19’), 1-3 Dani (27’), 2-3 Jesús (31’), 2-4 Lucho (36’), 2-5 Lucho (37’), 2-6 Pau (39’).


Os colexiados José Rafael Ortas Gómez e Jesús Otero Baltasar amonestaron con cartón amarelo aos locais Andy (12’), Pazos (30’), Óscar (34’) e Jesús (34’), mentres que polos visitantes a Álvaro (7’), Lucho (11’), Jorge (28’), Pablo (35’) e Dani (38’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 2 da Terceira División, disputado no Pavillón Tarrio de Culleredo.

bottom of page