top of page

CRÓNICA | CAMPIÓNS DE GALICIA! (3-3, penaltis: 3-4)

O Portus Apostoli alzou por primeira vez na súa historia o trofeo autonómico, logo de derrotar na tanda de penaltis a O Parrulo Ferrol FS nunha final intensa e emocionante en Marín.
Broche de ouro a unha temporada practicamente perfecta na que os noieses lograron romper barreiras co campionato de Segunda, o ascenso a Primeira e este triunfo na Copa Galicia.
Palmas alza ao ceo a Copa Galicia (foto: Pichero)

Un pavillón de A Raña engalanado para unha tarde de fútbol sala, afeccións poboadas e entregadas aos seus equipos e cámaras listas para captar todo. Cun panorama de festa culminado co himno galego en pleno día das Letras Galegas, a O Parrulo Ferrol e Noia Portus Apostoli FS só lles quedaba desexar non pasar tanto sufrimento como o vivido na final feminina previa na súa loita pola XXX Copa Galicia.


Desde o mesmo pitido inicial non se gardaron ningún respecto ambos equipos, cun inicio con moito ritmo, intensidade e oportunidades que se alongou durante practicamente toda a primeira metade. Tivo as primeiras o Noia, con chegadas de Joaki, en dúas ocasións, e Javi Rangel, pero a máis perigosa nacería das botas de Gozi. Nunha das típicas incorporacións do porteiro parrulo, o seu disparo estrelouse no traveseiro.


Coa primeira metade entrando na recta final, un polémico penalti por suposta man de Altamirano na área iniciaba un período de dous minutos de tolería. Non desaproveitou o lanzamento de seis metros Adri, batendo a Marcos Ferreyra no 15’ para o 1-0. Afortunadamente a reacción non se fixo agardar, e nunha recuperación en primeira liña Bruno Gomes castigou o xogo de cinco ferrolán para empatar.


Duroulle a alegría aos noieses o que tardou o colexiado, o mesmo que sinalara o penalti, en indicar a sexta falta dos de Marlon Velasco. Esta vez Adri tiraría ao pau, aínda que non demoraría moito en volver a desprazarse ao punto de dez metros, despois dunha suposta man de Javi Rangel. Elixiu o mesmo lado, co balón indo entre paus, pero apareceu a perna de Marcos Ferreyra para manter o 1-1 no marcador e salvar aos seus duns estraños e difíciles momentos.


Tamén terminou chegando a sexta falta ferrolá e, por tanto, a ocasión do Noia desde os dez metros a apenas quince segundos do final. Gañoulle a partida Gozi a Chus no lanzamento, deixando o 1-1 no camiño a vestiarios.


A segunda metade empezou co Portus Apostoli dándolle a volta ao electrónico. Un disparo raso ao primeiro pau de Javi Rangel enganaba a estirada de Gozi e facía o 1-2 no 22’ de partido. Ao igual que os noieses antes, os de Óscar Vigo estiveron acertados para voltar a empatar pronto, co gol de Pedro ao segundo pau nun contraataque no minuto 25.


A tormenta de chegadas non se detivo. Tiveron que empregarse a fondo Ferreyra e Gozi, tamén salvados polos postes e as indecisións do ataque rival en certas ocasións. Lanzouse nos últimos minutos O Parrulo co porteiro-xogador, mentres o Noia seguía facendo dano na igualdade. Porén, ningún equipo tivo o acerto goleador e víronse obrigados a seguir disputándose a Copa Galicia no tempo extra.


O gol de Adri a 56 segundos do descanso da prórroga semellaba un golpe definitivo favorable a O Parrulo, mais tivo a fortaleza necesaria o Portus Apostoli de empatar, unha vez máis, e incluso antes da pausa. A 20’’, xirouse Bruno Gomes en posición de pívot e axusticiou a Gozi. Na segunda metade tivo a mellor co porteiro-xogador o Noia, salvando o gardameta ferrolán o intento de Edu Jabá.


Condenados aos penaltis, como xa lle tocara aos noieses en semifinais. Un sufrimento puro do que xurden heroes e grandes historias. En Burela foron Henrique baixo paus e Joaki no lanzamento final. En Marín a gloria quedou reservada para un Marcos Ferreyra que comezou dando a tranquilidade ao deter o primeiro penalti da tanda a Adri e máis tarde despexou o de Pedro. En Bruno Gomes recaeu o privilexio de ser o anotador do definitivo disparo, o que coroa ao Noia Portus Apostoli FS como campión de Galicia por primeira vez e pon a guinda a unha temporada 2021/2022 para a máis absoluta historia.


Ficha técnica


O Parrulo Ferrol FS: Gozi (p), Hélder, Alberto, Adri (c) e Kevin Chis. Tamén xogaron Borja, Terán, Pedro, Noel e Domingos.


Noia Portus Apostoli FS: Marcos Ferreyra (p), Palmas (c), Javi Rangel, Chus e Joaki. Tamén xogaron Power, Lluc, Altamirano, Bruno Gomes, Edu Jabá, Pirata e Nil.


Goles: 1-0 Adri de penalti (15’), 1-1 Bruno Gomes (16’), 1-2 Javi Rangel (22’), 2-2 Pedro (25’), 3-2 Adri (42’), 3-3 Bruno Gomes (43’).


Tanda de penaltis: Tira Adri, para Marcos Ferreyra (0-0); tira Edu Jabá, gol (0-1); tira Hélder, gol (1-1); tira Pirata, gol (1-2); tira Terán, gol (2-2); tira Nil, gol (2-3); tira Pedro, para Marcos Ferreyra (2-3); tira Joaki, para Barranquero (2-3); tira Domingos, gol (3-3); tira Bruno Gomes, gol (3-4).


Os colexiados Menéndez Nistal e Vilas López amonestaron con cartón amarelo aos ferroláns Kevin Chis (4’), Alberto (18’) e o delegado Manel (41’). Polos noieses, viron a amarela Edu Jabá (4’), Palmas (11’), o adestrador Marlon Velasco (14’), Bruno Gomes (16’), Power (19’) e Javi Rangel (44’).


Incidencias: final da XXX Copa Galicia, disputada nun cheo Pavillón Municipal A Raña de Marín.

bottom of page