top of page

CRÓNICA FILIAL | Balsámico triunfo en Chapela (4-6)

Volveu o conxunto filialista por fin á senda da vitoria nun partido tolo que tivo que remontar, do 4-2 ao 4-6, para levarse os tres puntos.

Con este resultado, os noieses deixan de ocupar postos de descenso ao término da xornada oito.


Coa consigna de gañar si ou si prantábase o Portus Apostoli B en Chapela, e despois de remar e remar, incluso contra un marcador desfavorable por dous tantos, os noieses leváronse tres puntos fundamentais da cancha dun rival directo.


Non comezou ben o partido, cos locais aproveitando no minuto 3 un erro en transición defensiva dos brancos. Afortunadamente, pouco tardou a reacción co empate de Altamirano. Co empate imperando ata a recta final do primeiro tempo, o Campito volveu a poñerse por diante nunha acción na que os noieses estiveron brandos, mais, novamente, o empate chegaría no último minuto.


Á saída de vestiarios, o Noia Portus Apostoli B saiu máis decidido que nunha primeira metade na que lle custou entrar no partido. Tivo nas botas de Manu Lorenzo as máis claras para poñerse por diante, pero quen lograría decantar a balanza do seu carón sería, outra vez, o cadro local.

A expulsión por doble amarela de Power desembocou nunha superioridade que non estragou o Campito, que fixo o 3-2 e máis tarde, nunha acción na que faltou entendemento na defensa noiesa, un 4-2 que, con dez minutos por diante, obrigou aos visitantes a tomar medidas.


Co porteiro-xogador, vestido por Manu Lorenzo, os brancos fíxeronse co control definitivo do partido e coas ocasións. De tanto insistir, acabaron chegando entre o 33’ e o 38’ os tres goles que daban a volta ao partido, obra de Yago Vizoso e dous máis de Altamirano.


Eran nese contexto os de Chapela os que tiñan que arriscar co xogo de cinco, e aí apareceu un Pablo que, primeiro evitou o empate cunha espectacular parada e logo pechou o partido a falta de segundos cun preciso golpeo de portería a portería que significou o definitivo 4-6 e unha balsámica vitoria para o Portus Apostoli B, que volveu a gañar seis xornadas máis tarde e abandona os postos de descenso.


Seguinte partido


Na próxima xornada o cadro filialista recibirá a visita do Pizarras Tres Cuñados no Municipal Agustín Mourís.


Ficha técnica


Campito Chapela FS: Santiago Pérez (p), Jonathan Díaz, Alejandro González, Sergio Vidal e Nicolás Lion. Tamén xogaron Cristian Pérez (c), Martín Puime e Daniel Crespo.


Noia Portus Apostoli B: Pablo (p), Álvaro, Pablo López, Yago Vizoso e Manu Lorenzo (c). Tamén xogaron Power, Andrés, David Agraso, Diego Martínez e Altamirano.


Goles: 1-0 Martín Puime (3’), 1-1 Altamirano (5’), 2-1 Santiago Pérez (15’), 2-2 Altamirano (19’), 3-2 Nicolás Lion (28’), 4-2 Alejandro González (30’), 4-3 Yago Vizoso (30’), 4-4 Altamirano (33’), 4-5 Altamirano (38’), 4-6 Pablo (40’).


Os colexiados Miguéns Magariños e Otero Baltasar amonestaron con cartón amarelo aos locais Sergio Vidal (17’) e Jonathan Díaz (23’) e aos visitantes Power (19’ e 27’), Pablo (38’) e o seu adestrador Palmas (39’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 8 da Terceira División, disputado no Municipal de Chapela.

bottom of page