top of page

CRÓNICA FILIAL | Goleada, salvación matemática e a seguir soñando (1-6)

O conxunto noiés dominou e superou con contundencia ao Praias de Barreiros CD, nunha segunda metade na que fixo a diferenza que lle deu os tres puntos.
Con este resultado, o Portus Apostoli B sigue inmerso na loita polos postos de PlayOff de ascenso a Segunda División B.

Tarde redonda para o Noia Portus Apostoli B, nun Municipal Barreiros no que impuxo a súa lei de principio a fin e venceu ao Praias de Barreiros CD para asegurarse a permanencia na Terceira División e manterse vixente na pelexa pola promoción de ascenso.


Foi unha casualidade que os noieses só se foran a vestiarios cunha vantaxe mínima de 0-1. Dominio absoluto, por medio das incorporacións do gardameta Marcos Ferreyra, ante un rival que soportaba como podía ocasións como o disparo ao pau de Altamirano e só tiña desafogo atacante en accións de estratexia. Nunha recuperación de balón, Marcelo batiu ao porteiro local, ata ese momento fantástico.


Fixo no 22’ o Praias de Barreiros o empate por medio de Sergio Rivas, nunha xogada ao contragolpe. Un gol que quedou en mera anécdota moi cedo, co 1-2 de David Agraso. O nesta ocasión capitán noiés definiu co calcaño un balón solto na área para devolverlle a iniciativa aos seus, que aumentaría Pau cun bo lanzamento á rede.


No ecuador do segundo tempo repetía David Agraso, finalizando unha nova tentativa branca con Marcos Ferreyra ao ataque. Dous minutos máis tarde introducía o Praias o porteiro-xogador, ben desactivado polos noieses, que respondían co seu propio xogo de cinco. Tívoa Insua para facer o quinto, pero foi finalmente Marcos Ferreyra, redondeando unha exhibición particular, quen anotaba. Xa na recta final, Altamirano poñía o 1-6 nunha xogada individual.


Sube ao sexto lugar con 42 puntos o Portus Apostoli B con este triunfo e o resto de resultados acontecidos na xornada. Con dous duros partidos por disputarse, os noieses están totalmente salvados e a só un punto do PlayOff de ascenso. A mostra de que, nunha temporada de moitísimas trabas día tras día, o espírito do equipo pesou máis.


Seguinte partido


A vindeira fin de semana os noieses reciben no Agustín Mourís ao segundo clasificado, o Grupo Forma-t Vilalba FS.


Ficha técnica


Praias de Barreiros CD: César Franco (p), Borja Rocha, Braian Pinto, Miguel dos Reis e Gustavo Rodrigues. Tamén xogaron Aarón Artime, Adelson Correia, Adilson Varela, Gabriel Costa, Mario Novo e Sergio Rivas.


Noia Portus Apostoli B: Marcos Ferreyra (p), Marcelo, Pablo López, Altamirano e David Agraso (c). Tamén xogaron Insua, Cristian Iglesias, Pau e Diego Martínez.


Goles: 0-1 Marcelo (17’), 1-1 Sergio Rivas (22’), 1-2 David Agraso (23’), 1-3 Pau (25’), 1-4 David Agraso (30’), 1-5 Marcos Ferreyra (36’), 1-6 Altamirano (39’).


Os colexiados Juan Mora e Mosquera González amonestaron aos locais Borja Rocha (18’) e Aarón Artime (31’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 28 da Terceira División, disputado no Municipal Barreiros.

bottom of page