top of page

CRÓNICA FILIAL | O Noia Portus Apostoli B déixao todo para sumar tres importantísimos puntos (5-3)

O conxunto branco firmou unha actuación colectiva de dez para repoñerse da última derrota e vencer ao Sport Sala FS, ata esta data, quintos clasificados da Terceira División.


Un triunfo que sabe a gloria para o Noia Portus Apostoli B. Desde o compromiso e a unión como equipo, os noieses sacaron ouro dun partido moi esixente, ante un rival moi complicado e situado arriba na táboa como é o Sport Sala FS, nun día no que non podían fallar despois da derrota da pasada semana.


Comezou ben o partido para os brancos, que se adiantaron no minuto dous cun gol de Pau. Un erro en saída de presión dáballe o empate aos visitantes sen chegar aínda aos primeiros cinco minutos de partido, pero novamente Pau emerxía para devolverlle a iniciativa aos seus rozando o ecuador do acto inicial.


Nos minutos previos ao descanso, cos nosos acusando certo esgotamento, os de Culleredo fixéronse co control do encontro en busca do empate, que se produciría no minuto quince cun preciso envío ao segundo pau. Tocoulle sufrir en defensa ao Portus Apostoli B nos instantes definitivos para asegurar que o marcador non se movía do empate antes da reanudación.


Saiu mellor tamén o Sport Sala FS do descanso, e aí o Noia buscou rachar o ritmo dos visitantes, con éxito total. Introducindo o xogo de cinco, os brancos sacaron petróleo en forma dun importantísimo tanto anotado por Insua no 25’, que os poñía por diante unha vez máis.


A partir de aí, mono de traballo e a aproveitar as oportunidades que puideran chegar froito da desesperación dun Sport Sala FS que chocaba continuamente coa intensidade noiesa. Nun saque de banda rápido executado por Pablo López, Pau resolveu de maneira extraordinaria para zafarse do seu defensor e superar ao meta rival e convertir o 4-2.


Para eses momentos, os visitantes xa estaban a deixar o todo polo todo co porteiro-xogador, que acabaría firmando a súa sentencia. A defensa branca mantivo a orde para xerar as dúbidas no ataque dos de Culleredo, que nun dos moitos pases perdidos en creación da superioridade entregaron a Manu Lorenzo a opción de sentenciar co 5-2, a tres minutos do final. Óscar López desde o punto de dez metros maquillou o resultado cun grande golpeo que puxo o 5-3 definitivo.


Con este resultado, os noieses volven a abandonar os postos de descenso, situándose décimos na clasificación con trece unidades de puntos, a tan só catro do quinto posto que agora pasa a ocupar o Concello de Begonte FS, cun máis que o Sport Sala FS.


Seguinte partido


A próxima fin de semana o Portus Apostoli B desprazarase a Lugo para xogar a domicilio contra o CD Lugo Sala, actual líder da categoría con pleno de vitorias.


Ficha técnica


Noia Portus Apostoli B: Pablo (p), Álvaro, Yago Vizoso, Pau e Manu Lorenzo (c). Tamén xogaron Theo (p), Insua, David Agraso, Diego Martínez e Pablo López.


Sport Sala FS: Martín Sánchez (p), Óscar López (c), Andrés González, Ignacio Villamarín e Daniel Fernández. Tamén xogaron Hugo Navas (p), Manuel Pazos, Jesús Ois, Francisco Saavedra e Rodrigo López.


Goles: 1-0 Pau (2’), 1-1 Manuel Pazos (4’), 2-1 Pau (9’), 2-2 Manuel Pazos (15’), 3-2 Insua 25’), 4-2 Pau (35’), 5-2 Manu Lorenzo (37’), 5-3 Óscar López (39’).


Os colexiados Castro Villar e Pérez Giráldez amonestaron con cartón amarelo ao local Yago Vizoso (34’) e ao visitante Daniel Fernández (24’), ademais de ao adestrador noiés Palmas (19’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 11 da Terceira División, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.

bottom of page