top of page

CRÓNICA FILIAL | Puntazo en Culleredo (4-4)

Os noieses, que só puideron contar con sete efectivos no tempo de partido, sumaron un empate meritorio na pista do Sport Sala FS.
Practicamente sempre por diante no marcador, os brancos non puideron matar o encontro, e despois do empate local no último minuto puido pasar de todo.

Que saiba mal un empate contando con tan só sete xogadores en total fala moito e ben da actuación dun equipo. É que o Noia Portus Apostoli B usou ata a última gota de suor para tentar sacar beneficio da súa visita ao Sport Sala FS, que despois de máis de vinte minutos co porteiro-xogador, só logrou sacarlle un empate a un filial noiés baixo mínimos.


A pesar diso, os noieses lograron ir a maioría do tempo por diante no marcador, e desde ben cedo. Un disparo de Altamirano colouse pola escadra, facendo o 0-1 no minuto 3. Tamén cun lanzamento lonxano, esta vez raso, atopou o empate o Sport Sala no 9’ de xogo.


Os brancos defendíanse ben ante o empuxe local e facían dano ao contragolpe. Nunha desas, trenzaron unha acción por banda que terminou con Pau empuxando a gol no segundo pau o 1-2.


Incapaz de derrubar a resistencia dos poucos pero valentes noieses, optou o conxunto cullerdense por introducir xa no primeiro tempo o porteiro-xogador. Nunha das primeiras intentonas, atoparon a liña de fondo e o pase da morte para o empate. A reacción noiesa non se fixo agardar, e practicamente na seguinte xogada Altamirano definiu á rede outra grande combinación por banda.


A primeira metade terminou da mesma forma que empezou a segunda, co Sport Sala xogando de cinco. Xa corrixidas as posicións tras o descanso, o Portus Apostoli B estaba mellor plantado, e só encaixou nunha xogada desgrazada, na que un disparo local tocou en Altamirano, desviando a súa dirección e facendo imposible a estirada de Théo.


Non desesperou o conxunto filialista, consciente de que tería opcións no roubo en defensa da superioridade cullerdense. Tanto confiou, que acabou por conseguir o gol nunha acción dese tipo nas botas de Manu Lorenzo no minuto 26.


Atacaba o Sport Sala co porteiro-xogador, resistía e buscaba a súa oportunidade o Noia Portus Apostoli B. Así continuou o guión do encontro ata o minuto 35, cando unha nova recuperación noiesa provocou o agarrón do último home local e a conseguinte expulsión por vermella directa.


A superioridade numérica pasou así ao bando branco, que decimado fisicamente e a pesar da boa circulación de balón, acusou o cansancio nesa fase, faltándolle clarividencia nos últimos metros nas ocasións que gozou.


Rematou a superioridade sen consecuencias no marcador e voltou a situación anterior. E, de novo, un momento puntual volveu a penalizar aos brancos sobre maneira, cun balón morto na área aproveitado polos locais para facer o 4-4 a falta de un minuto.


Fundidos os noieses, emerxeu un enorme Théo xa dentro dos derradeiros sesenta segundos para negarlle ao Sport Sala unha vitoria que non sería merecida, vista a entrega e competitividade duns sete esforzados e máis que dignos xogadores do Noia Portus Apostoli B.


Seguinte partido


Visita o Agustín Mourís a próxima semana o líder, o CD Lugo Sala, na xornada 27 do campionato.


Ficha técnica


Sport Sala FS: Hugo Navas (p), Óscar López (c), Carlos Cayado, Ignacio Villamarín e Daniel Fernández. Tamén xogaron Fernando Esparza, Pazos, Brais Santiago, Jesús Ois, Andrés González e Rodrigo López.


Noia Portus Apostoli B: Pablo (p), Insua, Altamirano, Pau e Manu Lorenzo (c). Tamén xogaron Théo (p) e Pablo López.


Goles: 0-1 Altamirano (4’), 1-1 Óscar López (9’), 1-2 Pau (14’), 2-2 Pazos (16’), 2-3 Altamirano (16’), 3-3 Altamirano en propia portería (24’), 3-4 Manu Lorenzo (36’), 4-4 Brais Santiago (38’).


Os colexiados Álvarez Carril e Sobral Moreno amonestaron con cartón amarelo aos locais Iago Socastro (27’) e Daniel Fernández (33’) e con cartón vermello a Ignacio Villamarín (35’). Polos visitantes, ensinaron amarela a Insua (17’) e Pablo López (33’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 26 da Terceira División, disputado no Pavillón Tarrío.

bottom of page