top of page

CRÓNICA FILIAL | Tres puntos de ouro para o Portus Apostoli B (2-0)

Superando as numerosas baixas e nunha semana complicada, os noieses asinaron unha actuación de 10 no apartado do compromiso que lles serviu para bater ao Vigo 2015, cuarto clasificado.

Foto de equipo do Portus Apostoli B antes do encontro ante o Vigo 2015

O Noia Portus Apostoli B escala ata a novena praza da Terceira División, despois de lograr unha enorme vitoria no último partido da primeira volta. Un filial voluntarioso e esforzado foi o que se viu no Agustín Mourís para superar ao cuarto clasificado da táboa, un Vigo 2015 que non encontrou a forma de superar a resistencia noiesa.


Dominou a posesión do balón o cadro vigués, mais non uns espazos que os locais souberon ocupar de maneira que cada ocasión laranxa terminara ou afogada pola defensa ou freada por Marcos Ferreyra baixo paus.


Co paso dos minutos, o Portus Apostoli B comezou a arrimarse con máis perigo á portería visitante, e tras algunha ocasión clara marrada, no 14’ Manu Lorenzo anotou coa cabeza o 1-0, previo pase picado de Pau, o encargado de facer o 2-0 froito dunha grande xogada persoal por banda.


O guión continou intacto nos segundos vinte minutos. O Noia Portus Apostoli B era unha parede, salvando incluso as que semellaban perdidas, para un Vigo 2015 cada vez máis desesperado, e que a 6 minutos do final apostou polo porteiro-xogador.


Acostumado nas últimas datas no Mourís a defendelo, os noieses voltaron a estar máis que correctos, e incluso tiveron oportunidades de redondear o marcador, mais finalmente o luminoso reflectiu ao fin ese 2-0 co que os brancos suman tres puntazos no regreso á competición neste 2022.


De novo facéndose fortes na condición de local, caeu o cuarto clasificado diante dun Noia Portus Apostoli B que sube á novena praza con 19 puntos, oito por riba do descenso e a cinco do PlayOff de ascenso a Segunda B.


Seguinte partido


Comeza a segunda volta do campionato para os noieses a próxima fin de semana, recibindo ao ADFS Bueu no Municipal Agustín Mourís.


Ficha técnica


Noia Portus Apostoli B: Marcos Ferreyra (p), Pablo López, Álvaro, Pau y Manu Lorenzo (c). Tamén xogaron Yago Vizoso, David Agraso e Diego Martínez.


Vigo 2015: Diego González (p), Gándara (c), Javi López, Daniel e Cifuentes. Tamén xogaron César (p), Brayan, Tomás e Alejandro Garrido.


Goles: 1-0 Manu Lorenzo (14’), 2-0 Pau (18’).


Os colexiados Gulín Piñeiro e Paz López amonestaron con cartón amarelo aos visitantes Daniel Álvarez (30’, adestrador) e Cifuentes (33’ e segunda amarela co partido rematado).


Incidencias: partido correspondente á xornada 15 da Terceira División, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.

bottom of page