top of page

CRÓNICA X4 FILIAL (NAR 1-4 NPA B) | Triunfo de autoridade en Narón

O filial venceu a un dos conxuntos chamados a loitar por estar arriba grazas a unha seria e sólida actuación.
Con este resultado, os noieses ascenden á segunda praza da táboa clasificatoria con 9 puntos de 12 posibles.

Con tres puntos de moito peso saiu o Noia Portus Apostoli B do Municipal A Gándara de Narón. Realizando un partido moi competitivo, os filialistas lograron a súa terceira vitoria consecutiva e mellorando un inicio de Liga formidable.


Adiantouse no marcador, como en todos os seus partidos ata a data, o Portus Apostoli B. Álvaro, no minuto 13, roubou un balón e definiu con clase ante o meta rival para darlle aos seus o 0-1 que reforzaba o que estaba a ser un bo momento noiés sobre a pista. Sería protagonista involuntario tamén Álvaro na acción do empate local. Dunha moi protestada posible falta sobre o xogador noiés naceu a recuperación que conduceu ao empate do Cidade de Narón, obra de Alejandro Piñón no 17’.


Na segunda metade os naroneses saíron coa intención de culminar a remontada, pero tropezaron nos seus intentos frustrados por un correcto Noia Portus Apostoli B en tarefas defensivas. Nesas, os brancos buscaban a oportunidade de facer dano. Unha nova recuperación transformada en transición permitiulles conseguilo. Roubou Lucho e marcou Dani, con calma absoluta. O tanto deixou groguis aos locais, que concederon un saque de banda rápido aos noieses por parte de Jorge a Manu Lorenzo, que anotou o 1-3 no 35’.


Entregouse a por todas o Cidade de Narón coa entrada do porteiro-xogador, que soamente trouxo o cuarto gol dos de Palmas por parte de Lucho, que sentenciou o partido e outorgou aos noieses unha vitoria de altura que os coloca como segundos e nunha xeira fantástica de tres triunfos seguidos.


Ficha técnica


Cidade de Narón: Fernando Combarro (p), Alejandro Piñón, Roberto Pérez, Diego Vázquez e Brais García (c). Tamén xogaron Luis Sanesteban, Pablo Cotelo, Jacobo Lamas, Iván San Emeterio e Joel Rodríguez.


Noia Portus Apostoli FS: Pablo (p), Lucho, Hugo, Pau e Dani. Tamén xogaron Théo (p), Yago Vizoso, Álvaro, Insua, Manu Lorenzo (c), Jorge e Brais.


Goles: 0-1 Álvaro (13’), 1-1 Alejandro Piñón (17’), 1-2 Dani (32’), 1-3 Manu Lorenzo (35’), 1-4 Lucho (39’).


Os colexiados Mayra Camila Araujo e Sergio Piñeiro Rivas amonestaron aos locais Alejandro Piñón (26’) e Jacobo Lamas (39’) e aos visitantes Jorge (17’), Dani (31’), Pablo (34’) e Hugo (34’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 4 da Terceira División, disputado no Municipal A Gándara de Narón.

bottom of page