top of page

CRÓNICA | Loita sen premio en O Barco (3-1)

Os brancos, en cadro polas baixas, cederon na cancha do Pizarras los Tres Cuñados por un resultado axustado.
David Agraso anotou o único gol dos noieses, que caen á sexta praza da clasificación.

Deu a cara o Noia Portus Apostoli B en Calabagueiros, a onde acudiu curto de efectivos, pero non puido sumar ante un Pizarras los Tres Cuñados que se levou o triunfo por 3-1.


Un solitario gol imperou ao descanso en favor dos locais, ante un cadro filialista noiés que soubo resistir ben en defensa, cun grande Théo baixo paus. Na segunda metade, dous goles do Pizarras entre o 23’ e o 24’ decantaron o partido.


Tentou reaccionar o conxunto branco, comezando co gol de David Agraso. O pívot resolveu con certeza un gran pase de Pau, para sumar diana por segunda semana seguida e dar vida aos seus, aínda con doce de xogo. Porén, non foi suficiente para o Portus Apostoli B, que acabou pagando o cansancio e non logrou reducir máis diferenzas.


A pesar da derrota e de caer ao sexto posto, os noieses mantéñense nesa zona próxima ao PlayOff de ascenso unha semana máis.


Seguinte partido


A próxima fin de semana os filialistas reciben no Agustín Mourís ao Troula Betanzos FS, en partido da xornada 25.


Ficha técnica


Pizarras los Tres Cuñados FS: Anxo Macía (p), Bruno Carrera (c), Raúl Diéguez, Javier Sánchez e Juan Ramos. Tamén xogaron Francisco Álvarez (p), Kevin Ramos, Jesús Arranz e Rubén Villar.


Noia Portus Apostoli B: Théo (p), Insua (c), Pablo López, Diego Martínez e David Agraso. Tamén xogaron Pablo (p), Cristian Iglesias e Pau.


Goles: 1-0 Kevin Ramos (9’), 2-0 Bruno Carrera (23’), 3-0 Javier Sánchez (24’), 3-1 David Agraso (28’).


Os colexiados Darriba Rivas e López Ramudo amonestaron con cartón amarelo aos locais André González (17’) e Bruno Carrera (27’) e aos visitantes Théo (2’), Insua (14’), David Agraso (18’) e Diego Martínez (28’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 24 da Terceira División, disputado no Municipal Calabagueiros de O Barco de Valdeorras.


bottom of page