top of page

CRÓNICA X14 FILIAL (NPA B 0-3 XOV) | Dando a cara contra o líder

O cadro branco competiu de ti a ti diante do Xove, primeiro clasificado da Terceira División, que tivo que dar o seu máximo para acabar dobregando aos noieses.

Pouco máis se lle pode pedir a un Noia Portus Apostoli B que o deu todo diante do líder da categoría. A única conta pendiente, quizais, sexa a falta de gol, que alonxou aos noieses de poñer aínda máis nervioso a un SD Xove FS obrigado a sacar o mellor de si para conquistar os tres puntos no Agustín Mourís.


Unha primeira parte espectacular, cun filial que non lle tivo medo ao líder en ningún momento do partido, e que se apoiou nunha férrea defensa e nun gran Théo baixo paus para manter a portería a cero. En transicións rápidas e co xogo de cinco tiña as súas o Portus Apostoli B, que tamén quería a sua cota de protagonismo en ataque e forzou a Edu a intervir en numerosas oportunidades.


Terminou por romper a igualada, ironica e lamentablemente despois dunha grande actuación de Théo, un mal remate que o equipo noiés non foi quen de despexar. Anotou Christian, no 25’, uns instantes despois de que os brancos gozaran dunha clara ocasión que salvou Edu.


Xa na recta final do encontro, o Portus Apostoli B volveu a tirar do xogo de cinco para afundir na súa pista ao líder. Entre Edu e a madeira salvaron aos lucenses, que terminaron atopando o segundo tanto no 36’, nun disparo directo de falta de Manu Jiménez que non puido tapar a defensa local. Na última xogada do encontro, e cos noieses arriscándoo todo, o Xove fixo o terceiro e definitivo tanto, para un 0-3 que non fai méritos ao fantástico traballo realizado polo conxunto de Palmas.


Con estes resultados, o Noia Portus Apostoli B pecha o ano 2022 na sétima praza con 20 puntos. O próximo partido, que servirá para concluir a primeira volta do campionato, en Vigo, pero xa no vindeiro ano 2023 que oxalá traia moitas alegrías ao filial noiés.

 

Ficha técnica


Noia Portus Apostoli B: Théo (p), Lucho, Hugo, Brais e Dani. Tamén xogaron Insua, Manu Lorenzo (c), Yago Vizoso, Pau, Álvaro e Luis.


SD Xove FS: Edu (p), Iago Míguez, Heurickson Gomes, Manu Jiménez (c) e Renatinho. Tamén xogaron Marcos Gómez, Cora, Christian, Chema e Gabriel Costa.


Goles: 0-1 Christian (25’), 0-2 Manu Jiménez (36’), 0-3 Renatinho (40’).


Os colexiados Jesús Miguéns Magariños e José Rafael Ortas Gómez amonestaron con cartón amarelo aos locais Brais (27’), Luis (34’), Dani (36’) e Lucho (38’), ademais de ao adestrador Palmas (18’). Polos visitantes, viron a amarela Manu Jiménez (4’), Marcos Gómez (9’), Renatinho (20’) e Heurickson Gomes (20’).


Incidencias: partido correspondente á Xornada 14 da Terceira División, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia.

bottom of page