O Noia Portus Apostoli B foi superado no marcador polo Club del Mar San Amaro na mañá do domingo, no que é a súa segunda derrota consecutiva no torneo ligueiro.
Non puido o cadro filialista volver á boa senda no Pavillón Alonso Rodríguez na matinal do domingo, en partido correspondente á xornada 20 da Preferente Autonómica – Grupo Norte, ao ser batido polo Club del Mar nun encontro que lle deu as costas aos nosos desde moi ao comezo.
As primeiras xogadas amosaban a intención noiesa de contar co dominio do esférico, así como a súa debilidade defensiva, corroborada no sinxelo que lle resultaba aos visitantes aproximarse á portería de “Chaky”.
Porén, o 0-1 non chegaría nun remate dos coruñeses, senón nun mal entendido entre Álvaro e o gardameta noiés, que terminaba co xogador branco introducindo o balón no seu marco. Apenas dous minutos despois, no 6’, Martín Fernández ampliaba vantaxes para os seus.
Buscaba a reacción inmediata e encontrábaa o Noia Portus Apostoli B, con Álex Naranjo levando á rede un disparo de Loren. A partir de ahí chegaron os mellores minutos dos noieses, que dominaban a pelota pero sen definir nos últimos metros as accións.
E coa endebleza defensiva aínda presente, o Club del Mar pasou a factura dos erros noieses e, con dous tantos en dous minutos, colocou o 1-4 a catro minutos do entretempo. Un momento moi importante do encontro, xa que os noieses “cortocircuitaron” na súa boa dinámica en ataque e acabaron por conceder a sexta falta que deu a opción aos visitantes de anotar de novo.
Afortunadamente para os intereses brancos, o lanzamento non viu portería, mantendo a desvantaxe de tres goles. Sen máis esperas, “Juve” optou por introducir o xogo de cinco para reducir diferenzas, sen lograrlo antes de encarar vestiarios.
Descanso, Noia Portus Apostoli B 1-4 Club del Mar
Insistiu o cadro branco no porteiro-xogador, con Rafa vestindo a camiseta, para a reanudación do encontro. De novo, os noieses volvían a encontrar perigosidade coas súas oportunidades, pero sen lograr definir a gol. Nunha desas, o gardameta rival aproveitaba para probar fortuna e anotar o 1-5 no 24’ de xogo.
Un resultado moi duro para os noieses, que aínda así non baixaron os brazos e seguiron a intentar batir a resistencia defensiva visitante. Cos goles de Loren, no 25’, e Rafa, no 28’, o marcador sinalaba un 3-5 que a máis de dez minutos para o final abrían a esperanza da remontada.
Desgraciadamente, o tanto de Borja López aproveitando outro roubo defensivo colocaba un 3-6 do que os xogadores locais, a pesar de que seguiron a insistir sobre a meta rival, non foron quen de responder.
Final do partido, Noia Portus Apostoli B 3-6 Club del Mar
Unha dura segunda derrota seguida en Liga que debilita máis as opcións de buscar os postos de ascenso, xa que ademais os noieses perden a quinta praza en favor do Troula Betanzos. A próxima xornada levará aos de “Juve” a unha importante viaxe a Pontedeume, cuarto clasificado a cinco puntos na táboa.
Ficha técnica:
Noia Portus Apostoli B: “Chaky” (p), Álvaro, Iago, Rafa, Manu Lorenzo (c). Tamén xogaron Loren, Naranjo, Bruno e David.
Club del Mar: Joaquín López (p), Diego Roibas, Martín Bellas, Daniel Vázquez (c), Martín Fernández. Tamén xogaron Andrés Becerra, Borja López, Hugo Costoya e David Fernández.
Goles: 0-1 Álvaro en propia portería (4’), 0-2 Martín Fernández (6’), 1-2 Álex Naranjo (7’), 1-3 Martín Fernández (15’), 1-4 Martín Fernández (16’), 1-5 Joaquín López (24’), 2-5 Loren (25’), 3-5 Rafa (28’), 3-6 Borja López (29’).
Os colexiados amonestaron con cartón amarelo aos locais Manu Lorenzo (18’), Rafa (31’), Iago (35’) e Álex Naranjo (36’).
Comments