top of page

FILIAL | Cuarta vitoria consecutiva do Portus Apostoli B

Sigue intratable o conxunto de Daniel Ventoso, que puxo cedo terra de por medio sobre o Campito Chapela FS para asegurarse outros tres puntos.


Doce de doce, e de doce siguen os noieses. O cuarto triunfo seguido do Noia Portus Apostoli B convertiuse nun feito na tarde-noite deste sábado, ao derrotar ao Campito Chapela no Pavillón A Marisma de Redondela por un resultado de 3-5.


En apenas dez minutos xa contaban os noieses con dous goles de vantaxe, grazas ao de Anxo no 8’ e o anotado en propia meta por Brian no 10’. No minuto 13’ quixo respostar o cadro local co tanto de Cristian Pérez, pero Diego Pérez devolveu a diferenza de dous tantos rapidamente, deixando así un 1-3 co que se chegaría ao descanso.


Buscando a reacción saía o Campito, mais daríase de fronte cun novo gol noiés apenas 3’ despois da reanudación. Iago facía o 1-4, que non tería réplica ata o 31’, cun gol de Alfredo por medio dun dubidoso penalti. Novamente, pouco esperou o equipo branco, vestido de gris para este choque, para desfacer as esperanzas locais. Iago, no 32’, facía o 2-5.


Tentou o Campito Chapela FS co porteiro-xogador recurtar distancias e meterse no partido, pero o gol de Alejandro Fernández foi insuficiente, e os tres puntos voaron para Noia.


Unha vitoria que provoca que os brancos volvan a situarse na segunda praza e, dados os resultados producidos nesta xornada, se sitúen a un punto dun líder con dous partidos máis xogados. A próxima semana os de Daniel Ventoso recibirán ao Carballiño FS, nun duelo entre segundo e terceiro que pode marcar o camiño noiés na recta final desta primeira fase da Terceira División.


Ficha técnica:


Campito Chapela FS: Pablo Cardoso (p), Raúl Portela, Cristian Pérez, Hugo Gonzálvez e Lucas Domínguez. Tamén xogaron Adán Álvarez (p), Brian Moreira, Alejandro González, Alejandro Fernández, Pablo Álvarez, Gabriel Quinteiro, Alfredo Fernández e Juan Carballido.


Noia Portus Apostoli B: Néstor (p), Álvaro (c), Iago, Antón Arnejo e Antón Rodríguez. Tamén xogaron Anxo, Insua, Churches, David Agraso e Diego Pérez.


Goles: 0-1 Anxo (8’), 0-2 Brian en propia porta (10’), 1-2 Cristian Pérez (13’), 1-3 Diego Pérez (13’), 1-4 Iago (23’), 2-4 Alfredo de penalti (31’), 2-5 Iago (32’), 3-5 Alejandro Fernández (38’).


Os colexiados Jesús Otero e Miguel Jesús Rodríguez ensinaron cartón amarelo ao local Alfredo (29’) e aos visitantes Antón Arnejo (36’) e Daniel Ventoso (36’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 15 do Grupo B da Terceira División, disputado no Pavillón A Marisma de Redondela.

Kommentare


bottom of page