-O Noia Portus Apostoli B cae do PlayOff de ascenso a Segunda B despois de non lograr unha remontada que durante minutos tivo cerca.
-O cadro filialista pon punto e final a unha temporada moi positiva, na que cumpriu con creces o obxectivo da permanencia e quedou a un partido de disputarse o ascenso de categoría.
Litros de suor derramados polo grande esforzo, algunha bágoa por ver escapar un soño, pero ao final, un sorriso enorme a causa dun camiño longo e con dificultades do que estar orgullosos. Todo iso reflexaban as facianas dos xogadores do Noia Portus Apostoli B tras a derrota en Lugo que os deixaba fóra definitivamente da pelexa pola promoción a Segunda División B.
Tendo que remontar un 0-2 na casa dos grandes favoritos ao ascenso como son o CD Lugo Sala, os noieses chegaban na matinal do domingo a unha pista de altura como é o Municipal de Lugo coa ambición de facer romper as apostas.
Como no encontro de Noia, as forzas víronse moi equilbradas entre ambos cadros, que contaron con chegadas para adiantarse no electrónico. De novo, os brancos acusaron a falta de pegada das últimas semanas, mentres os albivermellos chocaban coa férrea defensa visitante nas súas intentonas.
Alcanzouse o entretempo sen dianas e coa eliminatoria aínda totalmente aberta para calquera cousa. Xa na reanudación, os noieses amosaron a súa intención de poñerse canto antes por diante para achegarse no global e traspasar presión á escadra local, e con disparos como o de Manu Lorenzo ao pau ben puideron facelo á volta da reanudación.
Finalmente sería Antón Rodríguez, quen definiu de maneira formidable ante a saída do gardameta, o encargado de romper a seca dos seus, con máis de dez minutos de choque por diante e dar máis forza ás esperanzas dos seus.
Desafortunadamente para os intereses brancos, os lucenses atoparon cedo a igualada, cun remate exterior en xogada de saque de esquina que non puido deter Néstor.
Pouco despois, co tempo cada vez contando menos e as forzas esvaecéndose, chegaron os minutos do xogo de cinco do Portus Apostoli B, con Diego Pérez como porteiro-xogador. Mais, novamente castigando en exceso o traballo branco, o CD Lugo Sala non desaproveitou a primeira perda en superioridade para facer o 2-1.
O insistente ataque de cinco dos de Daniel Ventoso non tivo efecto, e dúas faltas protestadas pola bancada e a afección noiesa desprazada a Lugo terminaron en dous dez metros que pecharon o resultado final de 4-1 e terminaron a aventura noiesa en busca da Segunda División B.
Termina a temporada para o Noia Portus Apostoli B co agridoce sabor de boca de rozar a remontada que os levaba á final, mais contentos cun traballo de dez culpable de superar as expectativas plantexadas a comezos de curso.
Ficha técnica:
CD Lugo Sala: César (p), Miki (c), Costoya, Dieguito e Jhordan. Tamén xogaron Yago Núñez, Longo, Brais, Jairo, Keita e Miguelito.
Noia Portus Apostoli B: Néstor (p), Power, Álvaro, Diego Pérez e Antón Rodríguez. Tamén xogaron Anxo, Insua e Manu Lorenzo (c).
Goles: 0-1 Antón Rodríguez (28’), 1-1 Dieguito (29’), 2-1 Costoya (37’), 3-1 Keita (38’), 4-1 Jairo (39’).
Os colexiados Buján Barciela e Castro Villar amosaron cartón amarelo aos locais Keita (23’), Brais (31’) e Jairo (39’) e ao visitante Álvaro (39’).
Incidencias: partido correspondente á volta das semifinais do PlayOff de ascenso a Segunda B, disputado no Municipal de Lugo.
Comments