top of page

FILIAL | Mellor comezo imposible! (5-4)

O cadro de Daniel Ventoso apañou os tres primeiros puntos da temporada no seu debut na Terceira División, logo dun partidazo entre os noieses e o Ganomagoga IES Coruxo FS.


O soñado debut e o soñado resultado para o Noia Portus Apostoli B, que inicia co pé dereito o seu periplo na Terceira División. Os de Daniel Ventoso saíron triunfantes do que foi todo un partidazo, de poder a poder, entre os seus e o Ganomagoga IES Coruxo FS.


Os goles chegaron ao encontro moi cedo, apenas no primeiro minuto de xogo. Antón Rodríguez, unha das caras novas do plantel noiés, anotaba o 1-0 completando unha boa xogada de equipo. O 1-1 chegaría apenas segundos máis tarde, froito dun erro dos locais. Despois deste inicio fulgurante seguiron uns minutos nos que o Portus Apostoli comezou a encherse de faltas, o que intentou aproveitar o cadro vigués con varios ataques.


Porén, o seguinte gol levaría a firma do equipo de Ventoso, con Álex Naranjo enviando á rede o coiro nunha xogada de estratexia no minuto oito de partido. Os visitantes volverían a igualar no 15’, esta vez aproveitando un erro en saída de presión para poñer o 2-2 co que se chegaría ao entretempo.


Descanso, Noia Portus Apostoli B 2-2 Ganomagoga IES Coruxo FS


Nada cambiaría tras a reanudación, na que o ritmo do xogo seguía a ser moi alto e as ocasións seguían chegando en ambas porterías. Na contra dunha das máis claras do cadro noiés, o Ganomagoga lograría poñerse por diante e penalizar dobremente esa primeira oportunidade marrada polos locais.


A partir deste gol entraron en escea as faltas e o balón parado. Unhas mans na área, apenas un minuto despois do terceiro tanto dos vigueses, desembocaban no gol desde o punto de penalti de Álex Naranjo. Precisamente o ala aproveitaríase da acumulación de faltas que tamén sufrirían os visitantes na segunda metade para devolver a vantaxe aos seus cun dez metros, pouco antes de alcanzar o ecuador do acto.


Non se renderon os de Coruxo, que no 32’ lograrían empatar de novo o choque, e que verían como Naranjo fallaba un novo dez metros. Remidiríase o xogador branco anotando, no 35’, o 5-4, logo dun roubo en media pista e previa asistencia de Diego.


Os últimos minutos estarían protagonizados polo xogo de cinco que probou o conxunto visitante, que puxo en apretos aos de Daniel Ventoso, quen tiveron tamén a oportunidade de matar o partido. Por partida dobre Naranjo, primeiro cun tiro desde o seu campo e logo dun dez metros, puido facelo, pero ambos terminaron fóra da portería. Afortunadamente, os noieses resistiron, sabendo defender a inferioridade e aguantando a posesión con calma cando tocou, para asegurar os tres primeiros puntos da temporada.


Final do partido, Noia Portus Apostoli B 5-4 Ganomagoga IES Coruxo FS


Ficha técnica:


Noia Portus Apostoli B: Néstor (p), Álvaro, Antón Arnejo, Diego, Antón Rodríguez. Tamén xogaron Anxo, Insua, Álex Naranjo, Pablo, Manu Lorenzo e Iago.


Ganomagoga IES Coruxo FS: Gabriel (p), Cristian, Bruno, Parra, Manuel. Tamén xogaron Alberto Comesaña, Alberto Hernández, Cervelo, Samuel, Diego, Pablo e Fernández.


Goles: 1-0 Antón Rodríguez (1’), 1-1 Bruno (1’), 2-1 Álex Naranjo (8’), 2-2 Cervelo (15’), 2-3 Alberto Hernández (27’), 3-3 Álex Naranjo (28’), 4-3 Álex Naranjo (28’), 4-4 Bruno (32’), 5-4 Álex Naranjo (35’)


Os colexiados amonestaron con cartón amarelo aos locais Diego (19’), Antón Arnejo (25’) e Álex Naranjo (28’) e aos visitantes Parra (18’) e Fernández (30’).


Incidencias: partido correspondente á segunda xornada do grupo B da Terceira División, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante a presenza de 60 persoas.

bottom of page