-O cadro filialista reponse ao gol inicial do Valdesuso Peugeot Vilalba FS e acaba goleando para conseguir unha suculenta vantaxe de cara ao encontro de volta.
-A próxima fin de semana no Municipal Agustín Mourís, segundo e definitivo cara a cara para definir gañador da eliminatoria.
Mellor comezo dos PlayOff de ascenso a Segunda B imposible para o Noia Portus Apostoli B. Os de Daniel Ventoso aseguran unha fantástica renta para o seguinte sábado no Mourís, despois de completar un último tercio de encontro fantástico en Vilalba con cinco goles que non certifican, pero si acercan aos noieses a semifinais.
Un ambiente especial, o que sempre ten un PlayOff, apoderouse do Municipal de Vilalba, poboado por un grande número de afección local e unha pequena pero ruidosa representación visitante que se fixo notar para dar calor aos seus.
Quizais eles foron tamén parte do sostén dun Portus Apostoli B que tivo que sufrir nos primeiros minutos de partido as acometidas dun Valdesuso Peugeot Vilalba FS empurrado pola súa bancada.
Os brancos souberon aguantar cando tocaba e amosaron unha forte versión competitiva, que pouco a pouco os foi situando mellor sobre o parqué, cada vez aproximándose máis a miúdo á meta local.
Porén, nin as ocasións dun e doutro bloque tiveron a recompensa antes dun paso por vestiarios que, despois da grande intensidade que definiu a primeira metade, pedían xa ambos adestradores.
As táboas continuaron no electrónico durante uns dez minutos inicias de alternativas na reanudación, ata que os vilalbeses fixeron bo un balón solto na área para facer o 1-0 e provocar o estalido da súa afección.
A pesar da súa inexperiencia nestes contextos, os xogadores do Portus Apostoli B non baixaron os brazos. Por insistencia e crer, chegou no 32’ o gol do empate, obra de Antón Rodríguez a pase de Power, que abriu a licencia para seguir soñando.
Máis cando apenas un minuto despois, a conexión entre Antón Rodríguez con Álex Naranjo terminou no 1-2 do moraleño, e a continuación o propio Antón Rodríguez repetía para o 1-3.
Cos brancos crecidos e os verdes con problemas, presentouse a situación para seguir facendo dano á defensa local. Quedou patente isto cando nunha belísima xogada de equipo, Álvaro terminaba facendo o 1-4, a tan só tres minutos do final.
A desventaxa de tres goles empurrou ao técnico local a introducir o porteiro-xogador, inútil manobra ante unha defensa moi ben plantada dos noieses, que ata tiveron tempo para facer o 1-5, por medio de Diego Pérez, a un minuto para un final que o Portus Apostoli B saboreou, pero consciente de que aínda queda por terminar o traballo.
Final do partido, Valdesuso Peugeot Vilalba FS 1-5 Noia Portus Apostoli B
Ficha técnica:
Valdesuso Peugeot Vilalba FS: Marcos (p), Antón Xoel, Isma (c), Luis Gago e Aitor. Tamén xogaron Diego Seijas, Federico, Mario, Diego Gayoso y Francisco Fernández.
Noia Portus Apostoli B: Néstor (p), Álvaro, Diego Pérez, Antón Arnejo e Antón Rodríguez. Tamén xogaron Anxo, Power, Insua, Manu Lorenzo (c) e Álex Naranjo.
Goles: 1-0 Francisco Fernández (29’), 1-1 Antón Rodríguez (32’), 1-2 Álex Naranjo (33’), 1-3 Antón Rodríguez, 1-4 Álvaro (37’), 1-5 Diego Pérez (39’).
Os colexiados Piñeiro Rivas e Sal de Rellán Guerra amonestaron con cartón amarelo aos locais Diego Seijas (12’), Antón Xoel (33’) e Luis Gago (36’) e aos visitantes Pablo López (10’) e Antón Arnejo (13’).
Incidencias: partido de ida dos cuartos de final dos PlayOff de ascenso a Segunda B, disputado no Municipal de Vilalba.
コメント