top of page

FILIAL | Triunfo de insistencia para asaltar a primeira praza! (6-4)

Nun encontro de varias fases, os brancos lograron saír vencedores, despois dunha segunda metade na que foron mellores, para fructificar un liderado histórico.


O Noia Portus Apostoli B é líder do Grupo B da Terceira División. A grande temporada dos de Daniel Ventoso sigue a ser recompensada por unha competición que leva vendo cinco vitorias seguidas dos noieses, a última diante dun Carballiño FS que durante moitos minutos ameazou con romper a festa local.


Porque foron os visitantes os que levaron a iniciativa nos primeiros intres, a pesar do 1-0 inicial anotado por Insua cun preciso remate para terminar unha boa transición, que conseguiron igualar uns segundos máis tarde.


Un despiste defensivo no 13’ abriu a porta aos do Carballiño para tomar a dianteira, aínda que desta ocasión serían os brancos quen responderían cedo. A conexión entre Antón Rodríguez e Álvaro terminaba con este último enviando un zurdazo á rede.


Porén, os esforzos defensivos que os carballiñeses obrigaron a realizar aos nosos acabaron por custar o que, tras unha inocente e protestada sexta falta, levou a un dez metros que non desaproveitaron os visitantes para irse por diante no marcador ao descanso.


Descanso, Noia Portus Apostoli B 2-3 Carballiño FS


Conscientes do que tiñan en xogo e da importancia de manter o seu feudo inexpugnable, o Portus Apostoli B saiu de vestiarios coa intención de levar o control do partido. Como na primeira metade, volveron a golpear cedo, e novamente coa conexión Álvaro-Antón Rodríguez. Esta vez sería o pívot, tras unha manobra excelsa de Álvaro, o encargado de anotar o 3-3 no 1’ da reanudación.


Entrando nos últimos dez minutos de xogo e cos locais buscando insistentemente o gol, nunha xogada rápida serían sorprendidos por un inesperado golpeo desde a banda que colocaba o 3-4.

Tiña tempo de sobra o cadro branco para darlle a volta ao electrónico, e non ían baixar os brazos despois de todo o traballo feito ata a data. Encaixonando ao seu rival, o minuto 34 recompensou con dous goles todo o esforzo e intención amosados. Álex Naranjo, de penalti, e Rivera dabanlle unha nova volta ao partido.


E despois da exhibición en ataque, chegou a defensiva. Exemplo de concentración e compañeirismo para saír triunfantes da defensa do cinco para catro que introduciran os do Carballiño a falta duns tres minutos. E incluso, con segundos por xogarse, Antón Rodríguez colocaba a guinda ao pastel co 6-4 definitivo que vale un liderado histórico no Grupo B de Terceira e deixa practicamente pechado o obxectivo da salvación.


Final do partido, Noia Portus Apostoli B 6-4 Carballiño FS


O liderado, porén, pódelle durar unha soa semana aos noieses, xa que a próxima fin de semana tócalles descansar, e a súa vantaxe de dous puntos pode verse eliminada... eso si, contando con dous partidos menos que o seu rival directo polo momento. A visita ao Vigo 2015, xa no 11 de abril, será o seguinte compromiso por diante para o filial.


Ficha técnica:


Noia Portus Apostoli B: Néstor (p), Álvaro, Iago, Antón Arnejo e Antón Rodríguez. Tamén xogaron Power, Rivera, Naranjo, Insua, Manu Lorenzo (c), Diego Pérez e Pablo López.


Carballiño FS: Xorxe (p), Aarón Álvarez, Aitor Neira, David Guerra e Jorge Gil. Tamén xogaron Manuel Insua, Héctor Outeiriño, David Fernández, Eduardo García, Jonatan Rodríguez, Adrián Fernández e Iago Rodríguez.


Goles: 1-0 Insua (5’), 1-1 Jorge Gil (5’), 1-2 Héctor Outeiriño (13’), 2-2 Álvaro (14’), 2-3 David Guerra (17’), 3-3 Antón Rodríguez (21’), 3-4 Jonatan Rodríguez (31’), 4-4 Álex Naranjo de penalti (34’), 5-4 Rivera (34’), 6-4 Antón Rodríguez (40’).


Os colexiados Ander Orbegozo e Álvaro Sobral amosaron cartón amarelo ao local Álex Naranjo (17’) e aos visitantes Jonatan Rodríguez (19’), Aarón Álvarex (30’) e David Guerra (34’).


Incidencias: partido correspondente á xornada 16 do Grupo B da Terceira División, disputado no Municipal Agustín Mourís de Noia ante a presenza dunhas cen persoas.

Comentários


bottom of page