top of page

FS Pontedeume-Noia Portus Apostoli B: duelo de urxencia

O filial branco pon en disputa o que pode ser o último tren polo ascenso nun dos momentos máis delicados da temporada (sábado 7, 18:45, Pavillón A Casqueira).


Un agora ou nunca para o Noia Portus Apostoli B. Os últimos resultados e a situación do cadro branco e o seu rival desta fin de semana, o FS Pontedeume, obrigan a tildar ao encontro que os enfrontará este sábado como unha final para os de “Juve”.


A nove xornadas do final, os noieses son sextos con 34 puntos, a cinco dos de Pontedeume que se sitúan cuartos na táboa, polo que, intentando arañar as últimas opcións de poder loitar polo ascenso a Terceira División, evidénciase a importancia deste envite.


“Se queremos seguir tendo opcións de loitar por algo, só nos vale gañar”, afirma o capitán do cadro filialista Manu Lorenzo, quen tamén se amosa consciente que no último partido ante Club del Mar “non estivemos á altura durante moitos minutos e cometemos demasiados erros defensivos”.


Do FS Pontedeume, equipo ao que xa coñecen de derrotalo na Liga por 5-1 na primeira volta e de caer recentemente en Copa por 2-5, Manu declara que agarda a “un equipo esixente, intenso, que na casa é máis perigoso” e que ademais “ten aínda moito en xogo polo que pelexar”.


O capitán noiés, por tanto, comprende a dificultade do partido, á que se lle engade a mala dinámica do seu conxunto e as baixas coas que contarán este sábado. “Sabemos que non vai ser fácil”, expresa Manu, “pero estou convencido que o equipo non se rendirá en ningún momento e irá a por todas para lograr os tres puntos”.


Un deses partidos que gusta xogar e competir para o noso filial, que este sábado 7 de marzo, a partir das 18:45 horas, pon sobre a mesa do Pavillón A Casqueira o seu último billete da loita polo ascenso.

Comments


bottom of page