Dúas semanas despois da vitoria no seu primeiro partido ligueiro, o filial noiés regresa á competición, de novo como local, co obxectivo de seguir sumando.
O primeiro encontro da temporada resolveuse de forma favorable ao Noia Portus Apostoli B, que este domingo 6 de decembro a partir das 19:00 horas tentará repetir éxito e ampliar o seu bo inicio diante do Campito Chapela FS.
Ese choque da xornada dous no que os noieses venceron ao Ganomagoga IES Coruxo por 5-4 é o único disputado este curso ata o momento polos de Daniel Ventoso, despois de que se anularan os das xornadas 1 e 3 pola retirada de Stellae FS e Baíña FS. Este aspecto ademais propicia que o cadro filialista volva a xogar diante dos seus afeccionados, o que sempre dá un plus ao equipo.
Esta xornada será diante do Campito Chapela FS, outro equipo que tamén só puido xogar un partido ata a data, o da xornada anterior, empatando 5-5 ante o Carballiño FS. A temporada pasada o cadro redondelano, ao igual que o Noia Portus Apostoli B, disputaba a Preferente Autonómica, no seu caso no grupo norte, competición na que se colocaba 6º con 35 puntos no momento do parón.
Con máis preparación que no último partido e coa mesma, ou máis, ilusión, os noieses buscarán tres novos puntos que lle axuden a cumprir o seu obxectivo da campaña.
Restricción de aforo
De novo e por mor das medidas COVID-19, só 60 persoas poderán presenzar nas gradas do Agustín Mourís o duelo entre o filial branco e o Campito Chapela FS.
Comments