top of page

Noia Portus Apostoli B-Carballiño FS: o filial, a polo liderado

Inmersos nun estado de gracia ao que non queren poñerlle fin, os noieses afrontan un duelo entre segundo e terceiro fundamental para seguir marcando o camiño da parte alta da táboa do Grupo B de Terceira.

Máis dun mes despois, o Noia Portus Apostoli B regresa ao Municipal Agustín Mourís e faino nunha xeira de catro triunfos seguidos e un momento inmellorable. Co líder Ganomagoga IES Coruxo (por un só punto e con dous partidos máis que os nosos) descansando esta xornada, os de Daniel Ventoso, segundos clasificados, atópanse ante a oportunidade de situarse primeiros na táboa durante, polo menos, unha semana.


Unha misión que motiva a un vestiario unido e que confía nas súas posibilidades, e para a que deberán superar este domingo 21 a partir das 19:00 horas a un dos dous cadros que na primeira volta lles fixo dobrar o xeonllo, e que tamén aspira a alcanzar o liderado.


Aínda que se lle resiste a vitoria, con tres empates nos seus últimos tres partidos, a folla de resultados do Carballiño FS amosa a solidez deste conxunto, con só unha derrota na primeira xornada, e que os brancos xa coñecen. 7-3 favorable aos da provincia de Ourense foi o marcador do primeiro envite entre ambos, alá por decembro, nun encontro no que aos noieses lles custou encontrar a súa mellor forma.


Unha que o Portus Apostoli B si vén demostrando nos seus últimos compromisos, e que deberá volver a sacar se quere chegar á súa xornada de descanso a próxima fin de semana como líder do Grupo B da Terceira División e distanciando aos carballineses a seis puntos.

bottom of page